O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cancelou a súa axenda para este venres polo falecemento dun dos seus irmáns, Juan Carlos, á súa vez tío do portavoz do Grupo Parlamentario Socialista e exsecretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.
Juan Carlos Caballero, de 71 anos, faleceu este xoves en Santiago de Compostela, cidade na que residía. Os restos mortais serán incinerados na noite deste venres.
Fontes municipais informaron da cancelación da axenda do rexedor olívico para este venres debido ao deceso do seu irmán. En concreto, tiña previsto comparecer en rolda de prensa e participar na presentación da 30ª exposición itinerante ‘Camiños de Hierro’ e nun acto organizado pola Fundación Vigueses Distinguidos.
O primeiro edil vigués tamén ten outros dous irmáns, entre eles o pai de Gonzalo Caballero. Precisamente, o que fose xefe de filas dos socialistas galegos participou este venres no pleno do Parlamento de Galicia, celebrado no Pazo do Hórreo.