Un home acusado de abusar sexualmente da filla menor de idade da súa parella será xulgado este martes na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, e enfróntase a 11 anos e medio de prisión.
Segundo o escrito de acusación pública, os feitos ocorreron en 2016, cando o acusado mantiña unha relación coa nai da vítima, que entón tiña 14 anos de idade. No marco desa relación, o home convivía con elas de forma ocasional, os fins de semana e en períodos de vacacións, nun domicilio do partido xudicial de Ponteareas.
A Fiscalía sinala que, en outubro de 2016, o acusado estaba na vivenda coa menor e que, co pretexto de que lle doían as costas e o colchón da habitación da nena era de mellor calidade, meteuse na cama con ela. Estando os dous deitados, o home comezou a acariñarlle o corpo e introduciulle os dedos na vaxina, antes de penetrala.
Episodios como este repetíronse polo menos en catro ocasiones, nas que o acusado abusou da menor penetrándoa e exaculando, ata mediados de novembro de 2016. O home ameazou á nena para que non contase nada, advertíndolle de que, se o facía, el acabaría en prisión e ela nun centro, separada da súa familia.
O ministerio público considera ao procesado, por estes feitos, autor dun delito continuado de abuso sexual sobre menor de 16 anos, e pide para el 11 anos e medio de prisión. Así mesmo, reclama que sexa inhabilitado para exercer oficios relacionados con menores durante 5 anos, a medida de liberdade vixiada durante 9 anos e o mesmo período de afastamento da vítima, para a que solicita unha indemnización de 25.000 euros polos danos morais.
POSIBLE CONFORMIDADE
Por outra banda, a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acolle este luns unha vista que, aínda que inicialmente está sinalada con tribunal de xurado, previsiblemente acabe cun pacto de conformidade, segundo avanzaron fontes xudiciais.
O procesado é un home que foi condenado por un delito de malos tratos familiares, coa agravante de reincidencia, a realizar traballos en beneficio da comunidade, e coa medida de afastamento da súa exparrella. Pouco despois de serlle notificada esa condena, en setembro de 2020, foi de novo condenado por quebrantala, e de novo estableceuse a prohibición de achegarse ou comunicarse coa súa exparella.
A pesar diso, en xaneiro de 2021 presentouse de novo no domicilio dela, chegando a acceder ao interior da vivenda, onde se atopaba a súa exparella cun amigo. Segundo o ministerio público, o acusado percorreu varias estancias da casa, negándose a marcharse, ata que ela o conduciu á porta para que saíse. Nese momento, el meteu un pé entre a porta e o marco para impedir que a muller pechase e, aproveitando que a tiña de fronte, tocoulle os peitos, á vez que lle dicía: “A ver cando follamos”.
Por estes feitos, a Fiscalía acúsao dun delito de quebrantamento de condena, en concurso cun delito de violación de morada, e dun delito de abuso sexual, coas agravantes de xénero e de reincidencia. Así, pide que sexa condenado a penas que suman 5 anos de cárcere, ao pago de 3.960 euros de multa, e indemnizar en 1.000 euros a súa exparella, a quen non poderá achegarse en 4 anos.