InicioSociedadeFuncionarios municipais de Vigo denuncian o "desmantelamento" de servizos públicos e non...

Funcionarios municipais de Vigo denuncian o “desmantelamento” de servizos públicos e non descartan unha folga

Critican a "falta de diálogo" do alcalde Abel Caballero.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Decenas de funcionarios do Concello de Vigo concentráronse este mércores na Praza do Rei, fronte ao consistorio, para denunciar o “desmantelamento” dos servizos públicos municipais e a “falta de diálogo” por parte do alcalde, Abel Caballero, e do goberno local.

O acto ía ser inicialmente unha asemblea de traballadores pero, segundo denunciou o comité de persoal, tívose que converter nunha concentración, posto que o goberno municipal non autorizou a asemblea (mentres que a concentración si tivo luz verde da Subdelegación do Goberno).

Respecto diso, o presidente do comité, Pergentino ‘Tino’ Martínez (UGT), explicou que, segundo a resolución trasladada nas últimas horas pola concellaría de persoal, non se puido autorizar a asemblea por “un defecto de forma na maneira en que o comité se dirixiu á administración”. “É a maneira que usamos sempre, e sempre serviu, pero agora non”, matizou e lamentou, en alusión á concentración na praza, que “se pode facer sindicalismo fóra, pero dentro (do edificio consistorial) é moi difícil”.

Con respecto aos motivos da protesta (que tamén se trasladou ao interior do edificio municipal, cun ‘desfile fúnebre’ simbólico), o representante dos funcionarios explicou que hai un “descontento xeral” no Concello coa política de persoal e servizos do goberno de Abel Caballero.

Así, criticou un progresivo “desmantelamento” dos servizos públicos municipais, a “caótica xestión” de recursos humanos e a “falta de diálogo” por parte dos responsables do goberno.

“É moi triste para un comité de persoal atopar comprensión en instancias xudiciais e non nas mesas de negociación”, apuntou Martínez, en alusión ás sentenzas que dan a razón aos funcionarios nas súas reclamacións (descansos de bombeiros, nomeamento de xefes de servizo, cobro de horas extras, etc.).

FOLGA?

Nese sentido, o presidente do órgano de representación dos traballadores municipais criticou que o goberno “non fala co comité” e trasladou o seu temor de que esta situación non mellore pese ao cambio na concellaría de Persoal (Abel Caballero retirou a Elena Espinosa as responsabilidades neste ámbito, que agora dirixirá a edila Patricia Rodríguez Calviño), á vez que advertiu de que os sindicatos, entre os que se mantén a unidade, non descartan adoptar outras medidas legais, como a folga, “se non hai outra vía” para solucionar a situación.

Pergentino Martínez leu ante os funcionarios concentrados un manifesto no que destacou que o malestar existe “en todos os departamentos” do Concello, e no que denunciou que a “paciencia” do comité co goberno local tivo como resposta “constantes desplantes”. “Seguimos tentando o diálogo e a negociación, porque cremos firmemente nela, pero somos conscientes de que é moi difícil a tranquilidade ante tal situación de desánimo e falta de respecto”, concluíu a súa intervención.

ÚLTIMAS

A praza baleira e a nosa débeda con Martínez Garrido

O outro día atopeime cunha imaxe tan chocante como reveladora: o busto do Rei...

O PP afea a Caballero que se acorde das familias “só en ano electoral” e pide recuperar as axudas para libros

O grupo municipal do PP en Vigo reclamou este martes ao goberno local que...

A falta de visibilidade en Peinador obriga a regresar a Madrid a un avión con destino Vigo

A falta de visibilidade obrigou a regresar a Madrid ao piloto do voo de...

‘Romaría’: Carla Simón viaxa á ría de Vigo para reconstruír o pasado dos seus pais

A cidade de Vigo acolle este martes a preestrea do filme 'Romaría' (a estrea...