Os pacientes con Covid-19 hospitalizados en Galicia reducíronse a 313, o que supón 12 menos que a xornada anterior, cunha maior caída entre os que se atopan en UCI, mentres que os casos activos subiron lixeiramente a 2.685 –tres máis–, despois de mes e medio de tendencia descendente.
Segundo os datos actualizados na mañá deste martes pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste luns, hai 65 pacientes Covid en UCI –nove menos que a xornada anterior– e 248 noutras unidades –tres menos–.
A única área sanitaria que rexistra un incremento nos ingresados é a de Vigo, que conta con 13 en UCI –un menos– pero con 49 noutras unidades –catro máis–.
MÁIS CASOS ACTIVOS E MÁIS CONTAXIOS
Pola súa banda, os casos activos deste coronavirus subiron lixeiramente a 2.685 –tres máis– despois de mes e medio de tendencia descendente –desde o 4 de febreiro–, ao producirse máis contaxios que altas. En concreto, descenden en catro do sete áreas sanitarias, mentres que soben nas da Coruña e Cee –23 máis–, Vigo –seis máis– e Lugo –dous máis–. Deste xeito, a de Vigo ten 457 casos.
Os contaxios diarios detectados con calquera tipo de proba incrementáronse a 122 –tras os 112 detectados a xornada anterior–, deles 105 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Destes últimos, 27 corresponden a área de Vigo.
PCR E POSITIVIDADE
Segundo os últimos datos actualizados a Comunidade galega realizou 1.769.117 PCR, o que supón 4.701 probas máis que as rexistradas ata a xornada anterior.
En canto á taxa de positividade –porcentaxe de infeccións por test PCR realizados– subiu lixeiramente a un 2,4 por cento, tras repuntar ao 2,1% este luns despois de situarse nun 1,5% o domingo. No entanto, Galicia continúa por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.