Os 26 concellos da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) do Río Miño crearán un rexistro electrónico dos 25.000 traballadores galegos e portugueses que se estima están sendo afectados polos peches de fronteiras entre ambos os países.
En rolda de prensa este venres, 26 de xaneiro, o deputado responsable de Mobilidade na Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, sinalou que esta medida busca “pór cara”, “nomes e apelidos”, a todas as persoas afectadas pola medida “absurda” do peche de fronteiras, que agora se prorroga ata o 16 de marzo. O obxectivo é reclamar “compensacións” polos custos que sofren.
PERDAS DE DIÑEIRO
E é que Benítez alerta de que estes traballadores padecen un custo de entre “200 e 300 euros” ao mes por ter que desviarse para atravesar o paso entre Tui-Valença (o de Salvaterra-Monçao só está aberto durante algunhas horas).
Lamenta que ambos os Estados decidan non abrir máis pasos porque din que “non hai diñeiro” para destinar máis gardas que suporía abrir máis zonas fronteirizas, pero censura que España e Portugal deciden cargar eses custos sobre a poboación.
E é que o deputado provincial denuncia o “afogamento absoluto” da economía do río Miño, mentres os municipios afectados realizaron accións protesta nas últimas semanas. Lembra que esta fronteira só supón o 5% de toda a existente entre Portugal e España, pero rexistra o 50% dos vehículos.
Actualmente, esta zona transfronteiriza conta cuns 150.000 habitantes. Así, reclámase que se reabran o seis pasos existentes e “compensacións” económicas polo impacto desta medida. Así, demándase partidas de fondos europeos para paliar o efecto fronteira. Ademais, presentaranse mocións nos 26 municipios para reclamar as reaperturas.
ESTUDO DE IMPACTO
Pola súa banda, o profesor da Universidade de Vigo Francisco Xavier Martínez Cobas informou das conclusións dun estudo do impacto económico que supuxo o peche fronteirizo de 75 días entre o 17 de marzo e o 1 de xullo de 2020.
Nese período, unhas 356.000 persoas pasaron polo paso fronteirizo entre Tui-Valença (máis de 4.500 ao día) cun tempo medio de espera de 15 minutos á ida e outros 15 á volta. Isto traduciuse na perda de case 180.000 horas de traballo.
Explica que os municipios do Miño contan cun continuo urbano, polo que di “non entender por que é útil” ese peche de fronteiras en sentido sanitario. Pon de exemplo os inconvenientes que suporía un peche da ponte de Rande.
Todo iso carrexou un impacto económico á zona duns 92 millóns de euros. Ese factor transfronteirizo supón que o descenso sexa maior nun 19% para a hostalaría e nun 12% para o comercio só polo peche de pasos, máis aló das restricións sufridas.
Ademais, Martínez Cobas alerta de que o actual peche de pasos terá un “maior efecto” que o que se produciu en 2020. E é que por entón había un confinamento, pero neste caso hai “un certo nivel de actividade”, de maneira que a clausura de fronteiras é máis pernicioso.