InicioSociedadeOs exercicios con bandas elásticas axudan a anciáns con problemas de mobilidade

Os exercicios con bandas elásticas axudan a anciáns con problemas de mobilidade

O estudo é parte da tese de doutoramento do investigador Adriano Sánchez, que defende que se incorporen exercicios de forza nos centros xeriátricos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O investigador Adriano Sánchez Lastra demostrou na súa tese de doutoramento que os exercicios con bandas elásticas son beneficiosos para a saúde física e cognitiva dos anciáns con problemas de mobilidade.

O xa doutor en Educación, Deporte e Saúde pola Universidade de Vigo centrou a súa tese de doutoramento en “analizar os efectos diferenciais” da inclusión en residencias de dous programas de exercicio de forza con bandas elásticas, un centrado nos músculos do tren superior e outro nos do tren inferior.

Paras isto, ao longo dun ano, contou coa participación de 68 residentes, dos que o 65% eran mulleres, de tres centros xeriátricos do grupo Domus Vi en Barreiro e Bembrive, en Vigo, e Cangas do Morrazo.

FALTA DE ACTIVIDADE FÍSICA

A falta de actividade física asóciase á aparición de diferentes enfermidades crónicas e constitúe un problema de saúde que se agrava naqueles sectores da poboación nos que a inactividade pode ser maior, como as e os residentes en centros da terceira idade.

De aí a importancia de promover a práctica de actividade física neste colectivo, incluíndo nesta, como recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS), o exercicio de forza, xa que diferentes estudos teñen constatado os seus beneficios, tanto físicos como cognitivos.

“Debido ao seu baixo custo e á súa adaptabilidade ao espazo dos centros xeriátricos, as bandas elásticas constitúen unha interesante ferramenta para levar a cabo este tipo de actividade con anciáns”, defende o investigador.

RECOMENDACIÓNS PARA OS CENTROS XERIÁTRICOS

Adriano Sánchez Lastra, tralos resultados da investigación defende que “o exercicio de forza ten beneficios na función cognitiva” e avoga porque se desenvolvan nos centros xeriáricos “sesións que incidan no exercicio de forza que combinen o tren superior e o inferior”.

Ademais, o autor subiña a importancia de que nas residencias se cumpran as “recomendacións mínimas de actividade física” da OMS para maiores de 65 anos, que comprenden “150 minutos semanais de actividade física aeróbica de intensidade moderada, como camiñar, ou 75 de vigorosa, como trotar, xunto coa realización de “actividades que melloren a forza muscular, en combinación con exercicios de equilibrio”.

“Sabemos que cumprir estas recomendacións non só favorece o mantemento da independencia funcional deste colectivo, senón que ademais reduce o risco de mortalidade prematura“, engade o investigador.

ÚLTIMAS

Piden 13 anos para un adestrador por supostos abusos a unha xogadora menor de idade en Vigo

Un adestrador de fútbol feminino enfróntase a penas que suman 13 anos de prisión, como...

Caballero denuncia a discriminación da Xunta a Vigo mentres “quere que quedemos calados”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, respondeu este mércores á "man tendida" e á...

Multa de 100 millons a Stellantis polo fraude no cártel de reciclaxe

Volkswagen, Stellantis e outros fabricantes de coches foron multados con 458 millóns de euros...

Petición de catro anos de cárcere para unha muller por ameazar cunha pistola a un coñecido en Vigo

A Fiscalía pide 4 anos e 1 mes de prisión para unha muller acusada...