Máis de 1.700 contaxios de covid-19 foron detectados nas 24 horas en Galicia, 1.354 deles confirmados por proba PCR, o que supón un novo máximo da pandemia, que tamén fixa un novo teito na comunidade en canto ao número de casos activos, que rompen o limiar dos 16.000 ao sumarse ao cómputo 1.055 en só un día. Uns datos que tamén se disparan na área de Vigo.
E todo iso nun contexto no que a presión sobre os hospitais segue disparada. Este xoves, segundo os datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade, soben en 50 os ingresados por coronavirus, o que deixa a cifra total de hospitalizados en 879, 135 deles en coidados intensivos (tres máis que na xornada previa).
Así figura na actualización dos parámetros da pandemia que diariamente publican as autoridades sanitarias con datos recollidos ata as 18,00 horas do día previo (neste caso, mércores 20 de xaneiro). Ata ese momento e durante as 24 horas anteriores, Galicia detectou 1.727 contaxios de covid-19 (por calquera tipo de proba, non só PCR), o que supón unha nova marca da pandemia.
Tamén supón un novo teito o número de PCR positivas, que foron 1.354 das 12.679 realizadas na xornada (840 máis que o día anterior). Isto, ademais, significa que Galicia volveu a máximos da crise sanitaria en canto a taxa de positividade nas PCR practicadas, que se situou no 12,2%; sete puntos por encima do fixado pola OMS para dar por controlada a pademia, un limiar do que a Comunidade galega non baixa desde o 24 de decembro.
Deste xeito, este xoves todas as áreas sanitarias empeoran os seus datos en volume de contaxios detectados, hospitalizacións e casos activos, que no global galego marca un novo máximo con 16.030 pacientes con enfermidade activa.
50 INGRESADOS MÁIS, 3 EN UCI
Todas as áreas suman máis ingresados que no anterior balance e A Coruña-Cee mantense como o distrito máis afectado. Os hospitais da área acollen a 226 pacientes (+8), 38 en UCI (-1). Tras a zona de influencia da cidade herculina está a de Vigo, que acumula 139 persoas ingresadas (+5), das que 22 necesitan coidados especiais (sen cambios).
Pola súa banda, os contaxios detectados en Galicia nas últimas horas (por calquera proba, non só PCR) marcan máximos da pandemia con 1.727 en 24 horas, dos cales case 800 proceden das áreas sanitarias das dúas grandes cidades de Galicia, A Coruña e Vigo.En canto ao número de contaxios por área, A Coruña volve ser a que máis achega con 442 casos detectados (+7), seguida por Vigo con 323 (+84).
CASOS ACTIVOS
Os 16.030 casos activos que rexistra Galicia este xoves tamén é a cifra máis alta alcanzada ata a data. Son 1.055 máis que hai 24 horas e case triplican os casos activos cos que Galicia recibiu o ano novo fai tres semanas. Vigo achegase aos 3.000 casos activos ao subir ata os 2.942 (+166).