Galicia detectou nas últimas horas 535 positivos por coronavirus, ao redor dun centenar menos que a xornada previa, pero hai que ter en conta que tamén baixaron as PCR realizadas, con 1.700 menos. Ademais, aínda que descendeu a cifra total de pacientes covid ingresados en hospitais galegos, a presión nas unidades de coidados intensivos (UCI) segue á alza tan só dous días despois de finalizar as festas do Nadal.
En concreto, segundo a actualización dos datos da pandemia na web da Consellería de Sanidade, na Comunidade galega hai 413 persoas con covid-19 ingresadas, seis menos que 24 horas atrás. E é que, aínda que caeron ata os 350 os pacientes en planta (-12), creceron ata 63 os de UCI (+6). A área sanitaria de Vigo, con 55 hospitalizados en total, ten unha baixada de catro con respecto a hai un día. Con todo, creceron en dous os pacientes con covid-19 en UCI, ata os 16.
NOVOS CONTAXIOS
Así mesmo, Galicia detectou 535 novos positivos de covid-19 confirmados por PCR, unha baixada de 104 con respecto á xornada anterior. A maioría de áreas sanitarias rexistrou descensos nas infeccións notificadas. Así, a área viguesa,¡ rexistrou un esborralle de 115 casos nun día, ata os 66 positivos.
Iso si, cabe destacar que nas últimas 24 horas o Sergas realizou 6.269 PCR, o que implica 1.675 menos que o día anterior. E, a pesar diso, a taxa de positividade da área viguesa segue sendo do 8,6%, cando o recomendado pola OMS é do 5%.
ASCENDEN OS CASOS ACTIVOS
En canto ao global de casos activos –pacientes que aínda padecen a enfermidade–, Galicia contabiliza este venres 6.889, 189 máis que no xoves. A área sanitaria de Vigo baixou a súa cifra de casos activos en 38 ata situarse nos 1.222.