InicioPolíticaCaballero esixe 2,3 millóns para Vigo: "Agora hai autoestima nos vigueses, non...

Caballero esixe 2,3 millóns para Vigo: “Agora hai autoestima nos vigueses, non calamos”

A oposición critica o "localismo cateto" do equipo de Caballero e tacha de "ridícula" a moción.

PUBLICADO O

O pleno do Concello de Vigo aprobou este mércores, cos votos favorables do PSOE, a abstención de Marea e o voto contrario do PP, reclamarlle á Xunta un investimento mínimo de 2,3 millóns de euros para equiparar o tratamento que recibe a cidade ao que recibe Santiago como capital da comunidade.

Segundo defendeu o edil Carlos López Font, esta moción trata de “pór en valor o que Vigo achega ao conxunto de Galicia”, fronte a un goberno da Xunta que a “discrimina”. Así, entre os “agravios” que padece a cidade, citou a construción dun “hospital privado”, o “intento de peche” do aeroporto de Peinador, a perda da caixa de aforros, ou “numerosas discriminacións en investimentos culturais ou sociais”.

“Non quero ser pretencioso, pero Vigo é a xoia da coroa de Galicia, e como tal debe ser atendida”, proclamou o concelleiro socialista, quen instou á Xunta a que “busque unha fórmula equivalente á capitalidade para apoiar este territorio”.

Segundo sinalou, “esta moción é a voz dos vigueses en reclamación dos seus dereitos”, e apuntou que, nos últimos anos, houbo un “cambio sociolóxico na cidade”. “Agora hai autoestima nos vigueses, reivindicamos o que nos pertence, non calamos“, sentenciou.

“LOCALISMO CATETO”

Pola súa banda, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, lamentou que “o nivel do debate redúcese a unha pelexa entre cidades”, e lembrou que Santiago ten achegas como capital de Galicia, pero tamén inconvenientes, como custos de seguridade ou limitacións no uso de terreos municipais. “Se o que queren é que Vigo sexa a capital de Galicia, dígano abertamente, e iniciamos ese debate“, engadiu.

Pérez expresou o seu acordo con que se reclamen investimentos á Xunta, pero matizou que deben pedirse para que funcione realmente unha Área Metropolitana e se abaraten e melloren os servizos, e criticou que “se fala de agravio por 2,3 millóns”.

“Ímonos a abster, pero para que non digan que somos axentes encubertos de Martiño Noriega e que vimos afundir a cidade. Nese localismo cateto non nos van a coller“, finalizou a súa intervención.

Mentres, a concelleira do PP, Teresa Egerique, tachou de “ridícula” a moción do PSOE e reivindicou os investimentos do goberno de Feijóo na cidade, que cifrou en 700 millóns desde 2009. “Por que non pedir unha partida específica por ter as praias máis bonitas do mundo? Ou por ter o Sireno?”, ironizou.

Egerique lembrou que, en 1981, cando se decidiu a capitalidade de Galicia, Caballero “non estivo fino” porque “estaba a mirar máis para A Coruña e para Alvedro” e non se preocupou de reivindicar o papel de Vigo.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...