A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, reivindicou este mércores o valor que ten para Galicia o Instituto Español de Oceanografía (IEO), un organismo que é “vital” para os intereses do sector marítimo-pesqueiro, e pediu ao Goberno central que “non o desmantele”, á vez que lamentou a decisión de integralo no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
En declaracións aos medios nun acto en Santiago, a conselleira constatou que o anuncio do Goberno central constitúe unha noticia “triste” e “negativa” para a Comunidade. “Para os investigadores que traballan no IEO, para todo o sector pesqueiro e para as persoas que temos responsabilidade de xestión“, resumiu.
Nesta liña, Quintana salientou o labor fundamental do IEO para a defensa dos intereses da frota galega e española ante as institucións europeas pois a achega de informes que avalen o estado dos recursos é transcendental na toma de decisións sobre a xestión das pesqueiras.
Tamén é esencial, engadiu, “para o propio sector, que necesita ao seu lado científicos que fagan valoracións sobre o estado de saúde no que se atopan as pesqueiras que constitúen o seu medio de vida”.
“E por suposto, o feito de que unha institución de moitísimos anos, creo lembrar que o Instituto Español de Oceanografía de Vigo creouse hai máis de 100 anos, vexa en risco a súa continuidade, e que estes centros de investigación sexan asumidos polo CSIC é unha noticia moi negativa para toda a Galicia mariñeira”, apostilou.
Por tanto, a Xunta defende a necesidade de reforzar o centro e de apostar pola investigación mariña como medidas clave para impulsar o sector marítimo-pesqueiro español e a importante industria dependente del.
A XUNTA XA DERA PASOS
Neste sentido, a Administración galega lembrou que xa trasladara ao Executivo central a súa preocupación pola situación do instituto cando tivo coñecemento de que as súas capacidades se estaban vendo sensiblemente afectadas.
Fíxoo en senllas misivas que Rosa Quintana enviou ao ministro de Agricultura Pesca e Alimentación, Luís Planas, e ao de Ciencia, Pedro Duque, así como a través dunha comunicación do presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, co presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, para tratar especificamente este asunto.
O Goberno galego considera necesario “o compromiso e a implicación real” da Administración central nesta cuestión co obxectivo de reverter a situación do IEO, pois é o Instituto é “un centro estratéxico para o desenvolvemento da investigación mariña en España e que conta con máis de cen anos de historia”.
Un compromiso, aseverou Rosa Quintana, que é vital para apontoar a investigación mariña, especialmente daquelas accións que teñen que ver co seguimento do estado das especies pesqueiras e á súa vez para permitir que Galicia manteña a competitividade da actividade marítimo-pesqueira.