Illan dezaseis viaxeiros dun tren procedente de Barcelona tras dar positivo unha pasaxeira

Unha vez clarificado con Renfe a listaxe de viaxeiros para determinar cales foran os contactos máis estreitos coa muller contaxiada, aplicouse o protocolo de Sanidade.

Tren / Europa Press.

Un total de 16 persoas que viaxaban nun tren que chegou o domingo a Vigo procedente de Barcelona están en illamento domiciliario tras dar positivo por coronavirus unha pasaxeira.

Así o confirmaron a Europa Press fontes sanitarias, que precisaron que só tres deles son de Vigo e o resto, de provincias de fóra de Galicia.

Do mesmo xeito que noutros casos similares, unha vez clarificado con Renfe a listaxe de viaxeiros para determinar cales foran os contactos máis estreitos coa muller contaxiada, aplicouse o protocolo de Sanidade que determina a corentena con seguimento co fin de observar se algún deles presentan síntomas.

A proba PCR non se practica inmediatamente porque, segundo fontes sanitarias, carecería de valor, tendo en conta que o virus non tería tempo de desenvolverse.

As fontes sanitarias consultadas por Europa Press ratificaron que a muller que deu positivo non está hospitalizada, senón tamén en illamento domiciliario e con boa evolución.