A Universidade de Vigo (UVigo) destinará 150.000 euros a axudas dirixidas a estudantes co obxectivo de paliar as consecuencias da crise sanitaria da COVID-19.
Segundo precisou a universidade nun comunicado, as subvencións poderán cubrir até un máximo do 50% da matrícula de estudos de grao, máster e doutoramento, incluídas as penalizacións por falta de pago, tras a realización das exencións e bonificacións ás que teña dereito o beneficiario.
En concreto, o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto até o 19 de xuño e o pago das axudas efectuarase durante o mes posterior á resolucion da adxudicación.
Os solicitantes das bolsas deberán ter estado matriculados en titulacións de grao, máster ou doutoramento durante o estado de alarma. Así, será necesario que algún membro da súa unidade familiar se atope en situación de desemprego ou Expediente Temporal de Regulación de Emprego (ERTE) debido á pandemia COVID-19.
Tamén se terá en conta que un familiar empregado por conta allea reducise a súa xornada laboral por coidados relacionados coa pandemia ou que sexa traballador por conta propia ao que se lle concedese a prestación extraordinaria por cesamento de actividade. Ademais, a axuda poderá destinarse a alumnos en cuxa unidade familiar exista un traballador do fogar ao que se lle concedese un subsidio extraordinario por falta de actividade.
En concreto, considerarase como membros da unidade familiar ao pai e a nai ou os titores legais do solicitante e aos seus irmáns solteiros menores de 25 anos. No caso de separación legal ou divorcio dos proxenitores non se terá en conta como membro da familia do solicitante ao que non resida con el se a custodia non é compartida, aínda que si a un novo cónxuxe.
Así mesmo, poderanse considerar membros da unidade familiar a irmáns do solicitante maiores de 25 anos con discapacidade, así como a avós cos que convivise a data 31 de decembro de 2018