O festival SonRías Baixas, que se celebra no municipio pontevedrés de Bueu, decidiu aprazar a súa edición deste ano aos días 5, 6 e 7 de agosto de 2021 debido á crise sanitaria do coronavirus.
Diso informou a organización nun comunicado remitido aos medios, no que explica que traballa xa no cartel artístico do próximo ano e, aínda que non garante que o programa de 2021 “sexa idéntico” ao previsto para a edición deste ano, avanza que o rapeiro Kase.O actuará en 2021.
O SonRías confirma así que mantén no cartel a un dos pratos fortes desta edición, coa actuación do que fora integrante da banda Violadores del Verso.
A organización, así mesmo, detallou que as entradas adquiridas para a edición prevista para os días 30, 31 de xullo e 1 de agosto deste ano servirán para a edición de 2021. Ademais, avanza unha “pequena compensación” ás persoas que decidan conservalas pola súa “fidelidade e confianza”.
“Se conservades a vosa entrada, axudádesnos a sobrepornos nun momento de gran dificultade e dádesnos forzas para seguir soñando para vós tres días e tres noites inesquecibles de música, praia e sorrisos”, sinala.
Ademais, as persoas que queiran solicitar o reembolso íntegro poderán facelo seguindo as instrucións que lles chegarán á dirección de correo empregada no momento de comprar a entrada e antes do luns 8 de xuño ás 23:59h.
Unha vez finalizado o prazo de solicitude, a organización comezará co reembolso do diñeiro, que non deberá demorarse máis 5 días. A información está recollida na web do SonRías Baixas e o correo de consulta é festival@sonriasbaixas.info.
O festival lamentou os inconvenientes que esta situación poida causar e trasladou o seu agradecemento ao público, “pola súa paciencia e polas mensaxes de ánimo” recibidos “nun momento tan difícil e incerto para o sector”. Ademais, puxo en valor o apoio mostrado polas institucións públicas que patrocinan o evento, nomeadamente o Concello de Bueu, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.
FEIRA MULTISECTORAL DE PORTONOVO
Por outra banda, o Concello de Sanxenxo informou que as recomendacións sanitarias, hixiene e cumprimento da distancia de seguridade obrigan ao Concello de Sanxenxo a suspender a Feira Multisectorial de Portonovo.
Segundo sinala o Consistorio, a beirarrúa de Rafael Picó non cumpre cos 6 metros de ancho que esixe o decreto para mercadiños e feiras para evitar aglomeracións e obrigaría a deixar fóra da cita a unmínimo do 66% dos postos ao ter que separalos entre si polo menos 2 metros.