Esta é a realidade actual para o persoal funcionario e laboral da Xunta de Galicia que se atopan en situación xestante ou recibindo tratamento por cancro. Falamos de traballadores e traballadoras cun posto de traballo de atención ao público que deberán incorporarse progresivamente dende o próximo 11 de maio, ante a ‘desescalada’ programada pola Xunta de Galicia para a reincorporación dos empregados públicos ao traballo presencial.
A Consellería de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza remitía o pasado 4 de maio, exclusivamente á prensa, o primeiro documento con criterios de aplicación durante o decreto da alarma sanitaria polo COVID19 en Galicia. Un documento de vinte páxinas redactado sen a participación dos representantes dos traballadores no marco dos comités de seguridade e saúde laboral ou da propia Mesa Xeral de Empregados/as Públicos.
Até a data, en contra do que asegura o propio comunicado da Xunta, o ente autonómico nunca estableceu criterios de protección aplicables para os seus traballadores, máis alá da publicación dun protocolo de actuación o pasado 12 de marzo que deixou a súa aplicación a criterio das direccións dos centros, funcionarios sen xuizo médico ou sanitario.
Un documento que foi duramente contestado por profesionais e sindicatos e que obrigou a unha rectificación forzada por parte da Xunta, establecendo criterios pero só para o persoal docente, e volvendo a deixar fóra as directrices do persoal non docente que quedaron novamente en mans das direccións dos centros.
Deste xeito, o protocolo de actuación da Xunta de Galicia do pasado 12 de marzo establecía que “se as autoridades sanitarias o aconsellasen deberían adoptarse medidas para o persoal sensible” ao COVID19, entendendo como persoal sensible: os empregados públicos con patoloxías concorrentes ou enfermidades crónicas, embarazadas e con fillo/s menores de idade ou con persoas dependentes a cargo.
Na mesma liña, o Ministerio de Sanidade creaba unha guía xenérica de boas prácticas nos centros de traballo coas medidas de prevención por risco de contaxio do COVID19 recomendando non acudir aos postos de traballo ás persoas pertencentes aos grupos de risco. Instando a que no caso de non poder realizar as tarefas a distancia, deberían contactar co seu médico para que acreditase que efectivamente debían permanecer en situación de illamento a “efectos laborais” e se así fose, teríase a consideración de accidente de traballo para recibir unha prestación económica por incapacidade temporal (IT) coa máxima prestación para o traballador.
O mesmo Ministerio de Sanidade actualizaba o documento científico-técnico sobre o avance do COVID19 sobre as evidencias científicas existenes en realación á enfermidade sinalando que o coronavirus podería ter efectos adversos sobre os recén nados, entre eles o parto e a morte prematura.
As trabas da Xunta para solicitar a incapacidade temporal
O 16 de abril sindicatos como a CIG denunciaban a letra pequena das condicións para tramitar as solicitudes de incapacidade temporal para o persoal especialmente sensible. A Consellería de Presidencia elaboraba unha guía, para todo o persoal da Xunta, que complicaba o procedemento e a solicitude de protección.
O procedemento imposto pola Xunta establece que a traballadora debe presentar unha solicitude á dirección do seu centro de traballo a súa condición de persoa sensible e esta dirección (sen criterio médico) adaptar o posto de traballo para minimizar, se é posible, o risco.
Se non fose posible adaptar o espazo de traballo para este traballador ou traballadora entón daría traslado do expediente á Secretaría Xeral Técnica da consellería correspondente. Que a súa vez remitiría o expediente ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta, e esta en último termo o remitiría a unha empresa externa allea chamada CUALTIS que emitiría o informe final.
Unha solicitude de incapacidade temporal que norlamente é tramitada polo médico de atención primaria ou directamente pola mútua, pero que no caso da Xunta de Galicia pasaría por 5 departamentos distintos o que supón de facto unha demora na emisión do informe final e por tanto a obriga da traballadora a incorporarse de xeito inmediato ao posto de traballo, aínda que finalmetne se lle recoñecese a súa situación de risco. Situación recoñecida incialmente tanto pola propia Xunta como polo propio Ministerio de Sanidade.
Un trámite que incluso rozaría a ilegalidade no momento en que o traballador tivese que entregar un informe médico con datos sensibles ao director do centro de traballo só para iniciar a tramitación da solicitude. Informe médico que contería datos privados e sensibles que vulneran o dereito de privacidade do propio traballador segundo a lexislación vixente.
Os factores que determinarán se unha persoa vulnerable debe ou non traballar
A determinación principal está en si o traballador/a está en contacto ou non con persoas enfermas por COVID19. Un baremo de dificil aplicación dado que está máis que demostrado científicamente que a perigosidade do Sars-Cov-2 é a transmisión e infección por persoas asintomáticas.
Neste caso a Xunta considera que unha muller embaraza ou con cancro, que traballe en atención ao público ten un risco similiar ao de calquera outra persoa non vulnerable que non teña un contacto físico cunha persoa sintomática (enferma de COVID19). Prácticamente a totalidade datraballadoras que non son sanitarias.
Os casos en Galicia
A primeira denuncia pola exposición de persoal sensible como as embarazadas, viría da man do Sindicato de Profesionais da Sanidade Pública (Prosagap) o pasado 18 de marzo. Denunciabam ante a Inspección de Traballo ao SERGAS por “expoñer ao coronavirus” ás traballadoras sanitarias embarazas, lactantes e con patoloxías crónicas.
O 29 de marzo falecía Fani, unha rapaza de 37 anos de Carballo (A Coruña) e o bebé do que estaba embarazada de 8 meses. O Hospital Materno Infantil explicaba que o falecemento de Fani producírase a causa dunha “tormenta inflamatoria”. A familia de Fani iniciaba entón un procedemento xudicial para determinar se houbo ou non unha infracción penal nos feitos.
O 11 de abril , unha pediatra de A Coruña embarazada de 15 semanas superaba o COVID19 e pedía as xestantes “evitar riscos” “É un virus novo e non se poden facer afirmacións contundentes“
Denuncia da CIG ante a inspección de traballo
A CIG denunciou o pasado 5 de maio á Xunta na Insepcción de traballo pola falta de negociación e planificación preventiva contra o COVID19 trala publicación na prensa do documento de criterios acordados polo goberno autonómico para a volta ao traballo
Burgos aclara se que trata dun documento xeral que non ten en conta as especificidades de máis de 500 centros de traballo diferentes e 20.000 persoas empregadas públicas “polo que é máis un documento de “desescalada”, que non pode substituír o traballo do Servizo de Prevención de Riscos Laborais nin as avaliacións de riscos laborais co risco biolóxico á COVID19”.
A secretaria da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos lembra que tanto a chamada “desescalada” como a actividade preventiva ten que ser negociada mais, a día de hoxe, “as organizacións sindicais non tivemos a primeira negociación nin no marco dos comités de seguridade e saúde laboral nin na Mesa Xeral de Empregadas e Empregados Públicos”. E pon como exemplo á Administración do Estado, “onde xa houbo unha intensa negociación na que se recolleron parte das demandas sindicais e que culminou coa sinatura dun acordo este mesmo luns. “Unha actitude radicalmente diferente á da Xunta de Galiza”, valora.
ERTE en Cualtis
“Na CIG preguntámonos de novo se esta falla de interese ten por obxectivo intentar amparar o ERTE de Cualtis, que é o servizo de prevención alleo que ten encargadas estas funcións. A semana pasada presentamos un escrito á Consellería de Vicepresidencia, Presidencia e Administración Públicas e Xustiza preguntando como estaba a afectar o ERTE ao traballo na prevención de riscos laborais e na vixilancia da saúde e aínda hoxe non tivemos resposta”, conclúe.