InicioSociedadeO Chuvi prevé comezar a utilizar plasma de pacientes de COVID-19 curados...

O Chuvi prevé comezar a utilizar plasma de pacientes de COVID-19 curados como terapia esta semana

O proceso enmárcase nunha investigación que busca obter evidencias científicas sobre a efectividade deste tratamento.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) prevé comezar a utilizar plasma de pacientes de COVID-19 curados como terapia antiviral durante esta semana.

Fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas) detallaron que un informe recente da Organización Mundial da Saúde (OMS) sinalou que os primeiros resultados do uso de plasma de convalecentes (CP) apuntaban que podía representar un tratamento “potencialmente útil para a COVID-19”.

Por este motivo, en abril, o servizo de Hematoloxía e Hemoterapia do Chuvi iniciou a selección dos posibles donadores de acordo con recomendacións dos criterios mínimos de seguridade e calidade que se deben respectar para a obtención de plasma de persoas convalecentes.

Así, estableceuse que os donadores deben contar cun diagnóstico de COVID-19 documentado por probas de laboratorio, ademais de presentar un bo estado de saúde e ser asintomáticos para colaborar na investigación. Tamén será preciso que transcorran catorce días desde que presenten un resultado negativo na proba de detección da enfermidade e que se recuperaron por completo.

EXTRACCIÓN

Deste xeito, hai semana e media, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) da comunidade iniciou en Vigo a extracción de plasma de pacientes que se recuperaron da patoloxía. Este estudo iniciouse en Vigo, pero tamén se estenderá aos demais hospitais de Galicia.

En concreto, esta investigación púxose en marcha en virtude dunha orde da Consellería de Sanidade que estableceu os criterios precisos para desenvolver iniciativas de investigación en centros do Sergas durante a crise sanitaria.

A través de ADOS, a consellería colaborou cos hospitais públicos no deseño deste estudo co obxectivo de obter evidencias científicas en relación á utilización de plasma procedente de pacientes recuperados. Para iso, estableceuse un protocolo de doazón de plasma e unha determinación de anticorpos que bloquean o virus.

A axencia galega de doazón asumiu o tratamento das unidades de plasmaféresis e o seu procesamento. Estas foron criopreservadas e almacenáronse a -30 graos, mentres que a súa vida útil poderá alongarse ata os dous anos. A etiquetaxe do plasma obtido realízase de acordo cos estándares de calidade do Comité de Seguridade Transfusional do Ministerio de Sanidade e a súa utilización limitarase á investigación en pacientes con COVID-19.

ÚLTIMAS

Axentes e funcionarios denuncian as condicións “extremas” de calor na Comisaría de Vigo

Medio centenar de axentes e funcionarios da Comisaría de Vigo-Redondela, convocados polos sindicatos policiais...

Detido en Vigo por unha agresión á súa parella

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 47 anos de...

Confirmados 4 anos de cárcere para un home que extorsionou a unha muller

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da sección quinta...

OPINIÓN.- Riscos ambientais e patrimonio local na Barroca de Navia

As ondas de calor soportadas no mes de xuño mostran con claridade a anomalía...