InicioSociedadeCaballero acusa á Xunta de marxinar novamente a Vigo no reparto de...

Caballero acusa á Xunta de marxinar novamente a Vigo no reparto de máscaras: Só mandou 7.500

A Xunta lembra que o criterio de distribución pactouse na FEGAMP e que enviou 30.000 máscaras á cidade

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, esixiu este xoves ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “que explique os criterios que usa” para a repartición de máscaras entre os municipios, dado que o número enviado á cidade olívica é “ridículo” tendo en conta a súa poboación.

Nunha rolda de prensa telemática, o alcalde asegurou que Vigo “segue sen recibir practicamente” material de protección por parte da Xunta e que o último envío, de algo máis de 7.500 máscaras, supón “unha cifra ridícula”. A esas máscaras hai que sumar outras 14.000 que, lembrou, “están caducadas” e o goberno local négase a distribuír, así como outro lote remitido pola Xunta, pero procedente de Inditex.

Abel Caballero sinalou que o Goberno de España remitiu a Galicia 2 millóns de máscaras e preguntou “onde están as que corresponden a Vigo”, porque á cidade “non chegaron”. “Quero explicacións do presidente da Xunta, porque non envía as que corresponden, por poboación, a Vigo (…), que explique onde están as ducias de miles de máscaras que corresponden a Vigo”, proclamou.

A ese respecto, confirmou que contactará co Goberno de España para transmitirlle a súa “inmensa preocupación” por esta situación, á vez que cuestionou se “é que a Xunta non comprou ningunha máscara” cos seus propios fondos. “Recordou a Feijóo dicindo que, se o Goberno o deixaba, en dous días traía un avión con material sanitario. “Onde está ese avión cargado de material?”, preguntou.

REPARTICIÓN EN VIGO

Por outra banda, o alcalde confirmou que este venres o Concello olívico vai iniciar a repartición de 20.000 máscaras, en zonas próximas aos mercados, grandes centros de distribución de alimentación, nas proximidades de pequenas tendas de comestibles ou de farmacias. Xunto ás máscaras, repartirase un folleto explicativo sobre o modo máis seguro de polas e quitalas.

Así, o venres pola mañá farase repartición na contorna dos mercados municipais de Progreso, Teis e Ou Calvario, e preto de pequenas tendas (fruterías, panadarías, pescaderías, etc.) das parroquias de Beade, Bembrive, Cabral e Candeán.

O sábado farase a repartición nas zonas dos mercados de Travesas, Bouzas e Cabral, e nas parroquias de Coruxo, Lavadores, Matamá, Sárdoma e Valadares; mentres que o luns, preto de hipermercados de Coia e Gran Vía, e nas parroquias de Alcabre, Comesaña, Freixeiro, Navia, San Miguel de Oia, San Xoán do Monte, Saiáns e Zamáns.

Abel Caballero lembrou que está á espera de pechar a compra de 100.000 máscaras (das que 20.000 serán para Povisa, porque o hospital cedeu a mesma cantidade para empezar xa a repartición), e que tentará comprar outros dous lotes da mesma cantidade, ata chegar a 300.000 máscaras para repartir entre os vigueses.

ÚLTIMAS

Xulgan en Vigo un home acusado de abusos sexuais continuados a unha menor

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acollerá este...

Un ano de prisión por apropiarse de equipos dunha emisora para revender en tendas de segunda man

A Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, celebra este mércores 28 de...

O xulgado solicita á Policía Local información e documentos sobre o ‘Saltamontes’ no que morreu un mozo en 2024

O xulgado de instrución 3 de Vigo, que investiga o accidente sucedido en agosto do...

Alento celebra o seu 25 aniversario elaborando “a tortilla máis grande da historia de Vigo”

A Asociación de Dano Cerebral Alento celebrará este sábado, 25 de maio, o seu 25 aniversario cunha festa...