A Federación Galega de Estacións de Servizo (FEGAES), que agrupa a todas as empresas do sector, así como o seu presidente, Benigno Redondo, defenden que as gasolineiras desatendidas están a “xerar preocupación” no sector, preocupación que xa trasladaron, tanto eles como sindicatos e axentes sociais, á Administración Autonómica, sen concretar aínda ningunha medida.
Segundo FEGAES, este tipo de instalacións implican grandes riscos para os consumidores e usuarios, así como para o medio ambiente. Como explicou Xullo López, o seu secretario,as demandas dos empresarios do sector céntranse en tres puntos primordiais: “a protección dos usuarios e a seguridade das instalacións; a accesibilidade para persoas con movilidade reducida; e a destrución de emprego que leva asociada este modelo”.
No ámbito da seguridade, apuntan que nas estacións de servizo desatendidas “é precisa un activo labor por parte do consumidor, sendo o único responsable de que non se produzan vertidos nin situacións de risco”.
“Ao non dispoñer de persoal, resulta imposible actuar de forma rápida e eficaz, deixando á exclusiva responsabilidade de afrontar a situación a persoas que descoñecen as medidas a adoptar e que non están cualificadas para actuar en tales circunstancias”, afirman.
A lexislación actual non contempla medidas de seguridade explícitas para este tipo de situacións, polo que solicitan que se revise normativa existente e se endurezcan as esixencias en materia de seguridade e prevención de riscos.
Así mesmo, FEGAES tamén apunta que as gasolineras desatendidas “están discriminando ao colectivo de persoas con movilidade reducida, ao non contar coas medidas de accesibilidad pertinentes para que estas persoas poidan utilizar con autonomía o dispensador ou o dispositivo de pago”.
Ademais, estarían provocando unha importante destrución de emprego xa que, segundo o informe dos sindicatos especializados e a patronal do sector, “só nos dous últimos anos destruíronse 2.700 postos de traballo. Por cada nova gasolinera desatendida destrúense 5,4 empregos”.
Para finalizar, Fara Pérez, vicepresidenta de FEGAES, afirmou que “desde a Federación non nos situamos en contra da apertura de estacións de servizo desatendidas en Galicia, xa que consideramos que a competencia non é mala e fainos evolucionar. O que pretendemos é poñer en valor o modelo das estacións de servizo tradicionais”.
A Federación Galega de Estacións de Servizo (FEGAES) constitúese no ano 1982 co obxectivo de agrupar a todas as empresas do sector integradas nas diferentes asociacións provinciais de Estacións de Servizo de Galicia.
Actualmente, integra a preto de 300 estacións de servizo das catro provincias, que representan o 70% do sector e que facturan unha media de 900 millóns de euros ao ano. Os socios de FEGAES xeran máis de 2.300 empregos directos que significan o 60% do emprego do sector en Galicia.