A decisión do Goberno español de suspender todos os voos con Italia provocou que milleiros de turistas españois quedasen atrapados no país italiano. Por iso, non son poucos os que acudiron á embaixada e aos distintos consulados a pedir información e amosar o seu enfado por unha medida que cualifican de “precipitada”.
Unha destas turistas é Iolanda, unha funcionaria viquesa que se atopa en Roma de vacacións cos seus pais e un fillo. “E que fago eu agora co meu fillo de sete anos e os meus pais de 70?”, critica en declaracións a Xornal de Vigo.
Ela, coma outros moitos turistas, acudiron ao longo deste martes ás distintas oficinas consulares para saber que facer. De feito, no Consulado de Roma, ao que ela acudiur, chegáronse a xuntar ata 70 persoas entre turistas, estudantes Erasmus e mesmo unha excursión de escolares.
“O que nos din básicamente é que nos busquemos a vida; que podemos alugar un coche ou ir en ferri”, apunta Iolanda. A solución do coche non lle gusta á maioría porque implica cruzar o norte de Italia que é o máis afectado e temen que sexan parados pola policía. A solución do ferri de Roma a Barcelona é a máis conveniente pero “xa non hai prazas” e habería que agardar, como mínimo, ata o mércores.
Solucións
Outra das solucións que lle dan desde a oficina consular é coller un avión desde Roma a Ansterdam, de Ansterdam a Madrid e de Madrid aos distintos puntos da Peninsula. “Pero nós somos catro persoas e xa te podes imaxinar como están os billetes”, quéixase.
Iolanda, como outros moitos turistas pide que o Goberno español se faga cargo deles e se flete un avión para levalos de volta a Madrid. “É o menos que poden facer xa que cando eu vin aquí ninguén me dixo que non podía facelo”, critica. Con todo, agarda que coa presión da xente e dos medios, o Executivo español acabe buscando unha solución para ela e o resto dos turistas e estudantes atrapados.
Situación en Roma
Sobre a situación en Roma recoñece que hai moitos menos turistas que de costume e que moitos deles son españois. “É certo que vexo moi pouca xente estranxeira”, asegura, Con todo, di sentirse tranquila. “Aquí vese moi pouca xente con máscara e a actitude da xente é moi amistosa”, asegura.
Axuda
Por outra parte, varias formacións xa pediron ao Goberno central que axude ás persoas atrapadas en Italia, entre elas, o BNG e Galicia en Común- Anova.
O Bloque Nacionalista Galego alerta ao Ministerio de Exteriores de que hai centos de persoas do Estado español, entre elas grupos de galegos e galegas que se encontran de viaxe, estudando ou traballando, atrapadas en Italia debido á cancelación dos voos con este país por parte do propio Goberno español.
Así, Néstor Rego, deputado polo BNG no Congreso, exixe ao Goberno que atenda adecuadamente as persoas atrapadas na península itálica “porque se encontran en situación de desamparo”. Neste sentido, pide que se adopten as medidas necesarias para dar atención adecuada a todos estes cidadáns e cidadás e resolver a situación canto antes.