Alumnas e profesoras da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia denunciaron este venres episodios de abuso de poder e de acoso sexual de docentes a varias alumnas do centro, algúns deles sucedidos en cursos anteriores e outros no actual.
Profesoras e alumnas, que esixen que os docentes en cuestión sexan apartados, aínda que sexa temporalmente mentres se clarifique o sucedido, puxeron esta situación en coñecemento da Consellería de Educación.
Fontes da Xunta confirman que dúas inspectoras se entrevistaron co equipo directivo e co alumnado, co que se asumiu o compromiso de facer un seguimento do caso.
Precisamente hoxe celebrouse unha nova reunión co alumnado e representantes da ESAD, na mesma xornada na que as profesoras do centro anunciaron que secundarán os paros convocados por aqueles ata que se aparte do exercicio docente os implicados nos presuntos episodios de abuso e de acoso que foron denunciados.
As profesoras da ESAD leron un comunicado no que trasladan o seu “apoio total” ás alumnas ao obxecto de que o centro sexa “un espazo libre de abuso de poder e de acoso sexual”.
“A ESAD non é só un lugar laboral para nós, que como traballadoras temos o dereito para desenvolver a nosa actividade nun espazo sen violencias machistas; é tamén lugar de convivencia consagrado á formación de artistas e a educación en sentido amplo”, reza o manifesto.
“Como creadoras e como persoas comprometidas para formar mellores persoas, libres, críticas e responsables, consideramos que estas prácticas execrables sucedidas durante o exercicio docente son especialmente vergoñosas“, denuncia tamén o texto lido por unha profesora.
E engade: “O dereito á educación non só implica o acceso ao saber, senón tamén a aprendizaxe nos valores de liberdade, igualdade e respecto polo dereito das mulleres en calquera espazo da nosa sociedade”.
Unha portavoz das profesoras da ESAD sinalou que non teñen un “coñecemento profundo dos feitos”, pero que saben que “hai casos confirmados con declaracións de alumnas ante a inspección” educativa.
Preguntada por cantos profesores e cantas alumnas estarían involucradas nos feitos denunciados, recoñeceu que descoñecen este extremo, máis aló de que son “varias” as presuntas vítimas de “comportamentos, que exceden a comentarios. Falamos de violencia exercida sobre as mulleres que estudan aquí”, dixo a portavoz.
Tamén recalcou que non se trata dun “episodio puntual”, senón de feitos reiterados no tempo.
Unha portavoz das alumnas da ESAD asegurou que seguirán cos paros ata que Educación “tome cartas no asunto” e que os profesores implicados “non sigan na docencia”.