InicioVal MiñorNigránO dono de Eiriña, "moi tranquilo", nega amaños en licitacións no primeiro...

O dono de Eiriña, “moi tranquilo”, nega amaños en licitacións no primeiro xuízo da ‘Operación Patos’

Está acusado de alterar prezos e falsificar ofertas na licitación dunha obra no Porto de Vigo

PUBLICADO O

- Advertisement -

O empresario Enrique A.P., dono da construtora Eiriña, negou cometer “nada malo” en relación con supostas irregularidades na adxudicación dunha obra no Porto de Vigo, e que foron xulgadas este xoves no Xulgado do Penal 3 da cidade, nunha das pezas separadas da coñecida como ‘Operación Patos’.

Este xulgado vigués acolleu a vista na que se sentaron no banco dos acusados Enrique A.P.; o director de Eiriña, Jaime Manuel A.V.; o que era xefe da División de Proxectos do Porto de Vigo, José Enrique E.P.; e o empresario Alberto T.P., acusados pola Fiscalía dos delitos de alteración de prezos en poxa ou concurso público, e falsidade en documento oficial e mercantil.

Para cada un deles, o ministerio público pediu penas que suman dous anos de cárcere, ademais de inhabilitación para cargo público no caso do técnico do Porto; inhabilitación de 5 anos para contratar con administracións públicas, no caso dos acusados de Eiriña e do empresario (que entón era socio da construtora Ediserpo), e multas que oscilan entre os 16.200 e os 4.860 euros.

O Fiscal sostén que, en xuño de 2013, o acusado José Enrique E.P. pediu a Eiriña que lle fixese un orzamento para unha obra de ampliación na instalación dun escáner, e que, ademais, conseguise outros dous orzamentos doutras empresas.

Meses despois, o Porto saca a licitación a obra por 29.000 euros, publicándoa no perfil do contratante e, paralelamente, tramitándoa polo procedemento negociado sen publicidade, polo que convidou a participar a Eiriña e ás outras dúas empresas que achegaran presupostos meses antes (Ediserpo, e Balboa y Buceta).

A obra foi adxudicada á empresa de Enrique A.P., que presentou o orzamento máis barato (algo máis de 26.000 euros) e que, segundo o Fiscal, sabía que sería adxudicataria porque coñecía previamente as outras ofertas.

“CONCIENCIA MOI TRANQUILA”

Na vista celebrada este xoves, a primeira que se celebra dunha peza separada da coñecida como ‘Operación Patos’, o considerado ‘xefe’ da trama de supostos amaños en adxudicación de obras públicas, Enrique A.P., negou as acusacións, e proclamou que descoñece “o día a día” das adxudicacións de obras, posto que é “só un empresario”, e que ten persoal contratado para encargarse deses procesos.

“Estou moi tranquilo, non cometín nada malo (…) Teño a conciencia moi tranquila”, proclamou no xuízo, no que insistiu en que non participaba nos procesos de presentación de ofertas, e que os seus esforzos se centran en “buscar obras para dar para comer ás familias dos meus traballadores”.

Precisamente nese marco de “relacións comerciais” situou as súas conversas e contactos con responsables de diferentes administracións e organismos, e subliñou que non ten “nada de que arrepentirse” porque, tras meses de instrución xudicial, segue “enteiro”, ningunha das súas empresas crebou e non ten “remorsos”.

NIN PREZOS “AMAÑADOS” NIN “CONSENSUADO”

Na mesma liña, o resto de acusados negou participar nunha trama para “amañar” ou “acordar” prezos en licitacións de obra pública, tampouco no caso que se xulgou este xoves.

Así, o que era xefe da División de Proxectos do Porto recoñeceu que pediu un orzamento a Eiriña “para saber canto podería custar” a obra de ampliación das instalacións do escáner, e que dita obra foi adxudicada posteriormente nun proceso no que se convidou a tres empresas, e non houbo ningunha irregularidade.

Do mesmo xeito, xustificou varias conversas co director de Eiriña, no que falaban de “meter a maiores” 2.000 euros na oferta desa obra para compensar uns traballos que a construtora fixera previamente e non cobrara. “Eu dicíallo para darlle longas, porque non podiamos pagar eses 2.000 euros cando non presentaran factura, pasaran meses, e o expediente estaba pechado”, explicou.

O resto de acusados insistiron en que o proceso de presentación de ofertas discorreu con normalidade, que non houbo un acordo previo entre elas para dar aparencia de legalidade ao proceso e beneficiar a Eiriña.

‘OPERACIÓN PATOS’

A vista deste xoves é a primeira que se celebra das pezas separadas da chamada ‘Operación Patos’ (houbo no seu día unha vista de conformidade pola peza separada relativa a supostas irregularidades no Concello de Nigrán).

Esta macrooperación remóntase a febreiro de 2014, cando foron detidos catro empresarios e un concelleiro de Nigrán por unha suposta armazón de suborno, prevaricación, tráfico de influencias e outros delitos, en relación coa adxudicación de contratos de obras e servizos públicos.

Ao longo da instrución chegaron a estar investigados case medio cento de empresarios, políticos e funcionarios, entre eles o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e varios concelleiros; o expresidente da Deputación de Pontevedra Rafael Louzán; ou a exdelegada territorial da Xunta, María José Bravo Bosch.

No entanto, tras anos de instrución, a xuíza ordenou o arquivo da causa con respecto á maior parte deses investigados, incluídos todos os políticos (excepto Louzán e a rexedora de Moraña), e tamén se acordou a formación de pezas separadas, dada a complexidade da investigación.

Entre as pezas separadas, figura a relativa a supostas irregularidades nunha obra no Porto de Vigo, que foi xulgada este xoves. Outras pezas, como a relacionada coa tramitación dunha subvención á asociación Pedra Moura de Vigo, foron arquivadas.

Actualmente, das múltiples frontes que se abriron no seu día na ‘Operación Patos’, só dúas están ‘vivas’ e pendentes de xuízo: unha investigación en Pontevedra (na que están imputados o dono de Eiriña; o expresidente da Deputación, Rafael Louzán; ou a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro) sobre a adxudicación dunhas obras nun campo de fútbol.

A outra peza incumbe á comisión dun delito de suborno (o suposto pago, por parte de Enrique A.P., de servizos de prostitución a un alto funcionario do Concello de Vigo), pendente dun recurso e que se xulgará con tribunal de xurado.

ÚLTIMAS