O comité de folga do servizo municipal de bombeiros de Vigo instou este mércores ao goberno local dirixido por Abel Caballero a “iniciar de forma urxente unha negociación” con este colectivo, despois de que un xulgado da cidade declarase nulo (en dúas sentenzas) o decreto aprobado en febreiro e que suspende os descansos destes traballadores, impóndolles a realización de horas extraordinarias.
Nunha rolda de prensa, os portavoces do comité de folga subliñaron que as resolucións do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo deixan claro que o decreto impugnado é “esclavista, vulnerador e nulo de pleno dereito“.
As sentenzas xudiciais (que admiten senllas demandas dos sindicatos CIG e CUT) expoñen que o decreto foi “imposto” polo Concello, sen negociar cos traballadores, e que atenta contra a normativa en materia de seguridade e saúde laboral, imposibilita o dereito de conciliación ou o dereito a que os funcionarios vexan compensadas as suspensións de descansos (con outros descansos), entre outras cuestións.
Para o delegado da CIG, Miguel Uclés, as resolucións xudiciais demostran que o decreto municipal baséase “nunha mentira”, porque a falta de efectivos no corpo de bombeiros é unha situación ordinaria, e non puntual. Por todo iso, reclamou á concelleira de Persoal, Elena Espinosa, que abandone a súa actitude “soberbia” e acepte negociar cos bombeiros, que levan en folga indefinida desde mediados de agosto, para “resolver este caos”.
“ÁNIMO DILATORIO”
Pola súa banda, desde a CUT advertiron de que o modo de proceder do goberno municipal “pon en perigo a integridade e saúde” dos bombeiros de Vigo, precisamente por non ter un servizo con persoal suficiente para atender as necesidades da urbe olívica.
Así mesmo, este sindicato advertiu de que, se o Concello decide recorrer as sentenzas, farao con “ánimo dilatorio” e demostrará que “non lle importan os dereitos das persoas traballadores e que en ningún momento tivo en mente solucionar a grave situación pola que pasa o servizo”.