InicioSociedadeUn xulgado confirma a multa de 60.177 euros a un club de...

Un xulgado confirma a multa de 60.177 euros a un club de alterne de Vigo por empregar estranxeiras sen papeis

O local está situado nas inmediacións do aeroporto de Peinador.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra confirmou a sanción de 60.177 euros imposta pola Subdelegación do Goberno de Pontevedra a unha empresa por empregar seis estranxeiras carentes de autorización de residencia e traballo nun club de alterne situado nas inmediacións do aeroporto de Peinador, en Vigo.

O maxistrado indica na sentenza que tres subinspectoras de traballo “puxeron en evidencia” que as seis mulleres estranxeiras en situación irregular detectadas “na fase de alterne”, é dicir, de sedución e incitación ao consumo de bebidas, traballaban con días e horarios fixos desde hai, como mínimo, entre unha semana e un mes.

A empresa, segundo consta no fallo, rexistraba as súas identidades e horarios de traballo, controlaba as súas vestimentas e fixaba o prezo e as condicións dos seus servizos. Ademais, facilitáballes o aloxamento ou lles proporcionaba un lugar no que cambiarse. O xuíz destaca que no rexistro de habitacións “só figuraban mulleres”.

Con toda evidencia traballaban para a empresa. Sen a súa presenza, xunto coa das outras 18 mulleres identificadas, o local non podería funcionar, pois constitúen o único reclamo da súa clientela. Sen elas a actora non obtería o seu beneficio. Son a esencia do negocio”, subliña o titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra.

O xuíz insiste en que, desde a perspectiva do Dereito Administrativo de Estranxeiría, “non cabe dúbida de que estas mulleres foron contratadas verbalmente pola empresa sen obter con carácter previo as preceptivas autorizacións de residencia e traballo“. Esta situación, segundo a sentenza, era “perfectamente coñecida pola empresa, porque as tiña identificadas e rexistradas, aceptándoas para traballar no seu local con pleno coñecemento da súa nacionalidade”.

XA FOI SANCIONADO EN 2013

O maxistrado lembra que o 30 de decembro de 2013 se lle impuxo á mesma sociedade unha sanción de 100.271 euros polo emprego de dez estranxeiras sen permiso de residencia e traballo.

“Ese precedente pon de manifesto a súa mala fe, persistindo na súa práctica ilegal con pleno coñecemento de causa. Neste contexto non deixa de sorprender que a Administración neste novo expediente teña baremado a sanción no seu grao mínimo, cando a norma lle habilitaba para a imposición de sancións de ata 100.000 euros por estranxeira, máis a clausura do local por entre seis meses e cinco anos”, indica o xuíz.

A maiores, a sentenza explica que a autoridade laboral e a Seguridade Social decidiron “deslindar a actividade de alterne (incitación ao consumo de bebidas) da de prostitución (relación sexual remunerada) desenvolvidas nestes locais, esixindo a alta e cotización das mulleres pola primeira fase de alterne para que teñan unha mínima protección”.

ÚLTIMAS

Cae por un desnivel duns dous metros no centro de Vigo

Unha persoa resultou ferida na mañá deste luns tras caer por un desnivel duns...

A Policía de Vigo mantén abertas todas as liñas de investigación polo incendio dun edificio en Cesáreo González

A Policía Nacional de Vigo investiga "con todas as liñas abertas" o incendio ocorrido...

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...