InicioSociedadeO Xulgado ratifica as sancións ao Concello de Vigo e advirte dun...

O Xulgado ratifica as sancións ao Concello de Vigo e advirte dun “risco sanitario para os consumidores” de auga da billa

Terá que facerse cargo dunha multa de 19.030 euros.

PUBLICADO O

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Vigo ratificou a sanción imposta pola Consellería de Sanidade ao Concello de Vigo, por infraccións no control da calidade da auga para o consumo humano, polas que terá que facerse cargo dunha multa de 19.030 euros.

O titular do Xulgado, Luís Ángel Fernández Barrio, nunha sentenza do 11 de xuño, sinala que existe “un risco sanitario para os consumidores”, xa que “se descoñece a aptitude da auga”, debido á “falta de control esixible”.

O maxistrado confirma así as catro infraccións que impuxera en 2018 a Xunta de Galicia, tres de carácter grave e unha leve.

O expediente da Consellería de Sanidade recollía, en concreto, infraccións pola ausencia de certificación ou acreditación do Laboratorio Municipal, pola falta de determinación de metais nas analíticas de control, pola ausencia de notificación á autoridade sanitaria dos supostos constatados de auga non apta para o consumo e por non fornecer os datos ao Sinac (Sistema de Información Nacional de Auga de Consumo).

No entanto, o xuíz rebaixa dous das catro infraccións administrativas que recollía o expediente sancionador e impón unha multa de 19.030 euros fronte ás 21.520 iniciais. O concello ten 15 días para interpor recurso de apelación.

A Xunta anunciou en xaneiro de 2018 a apertura do expediente sancionador ao concello, como responsable do servizo de abastecemento de auga para consumo humano. O motivo, segundo informa, foron as “reiteradas deficiencias nos controis realizados polo Laboratorio Municipal” na billa do consumidor e incumprimentos na calidade de auga, que non foron comunicados á autoridade sanitaria.

As inspeccións de Saúde Pública levadas a cabo puxeron de manifesto o incumprimento reiterado en Vigo da normativa que establece os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo. Requiríuselle ao concello a aplicación das consecuentes medidas correctoras.

Na comunicación, acordouse a suspensión temporal do funcionamento do Laboratorio Municipal, para a realización de análise de auga para consumo ou de calquera actividade para a que se lle esixa a posesión de certificación ou acreditación, que non tiña no momento da incoación do expediente.

Os técnicos da Consellería constataron que nas análises do Laboratorio municipal en 2016 e 2017 se detectaron ata 24 analíticas que cualificaron a auga como non apta e outras 31 baixo a clasificación de apta con non conformidade.

Ademais, ningún dos citados incumprimentos foi confirmado nunha segunda analítica antes das 24 horas de detectarse, nin comunicado polo Concello á autoridade sanitaria. Tampouco están dispoñibles estas analíticas de control no Sistema de Información Nacional de Auga de Consumo (Sinac).

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...