InicioSociedadeOs traballadores lusos explotados "vivían nunhas condicións deplorables" segundo un inspector laboral

Os traballadores lusos explotados “vivían nunhas condicións deplorables” segundo un inspector laboral

A representante do ministerio público recalcou que, non só as condicións destes traballadores estaban "asombrosamente por baixo" do legalmente esixible, senón que os acusados favoreceron e mantiveron a súa situación de "marxinalidade", "abusando da súa vulnerabilidade".

PUBLICADO O

Os inspectores laborais que prestaron declaración este mércores no xuízo contra sete acusados de explotar a traballadores portugueses en poboados xitanos de Vigo manifestaron que “nunca” viran “nada así”, e que as condicións destas persoas eran “deplorables”.

Este mércores celebrouse na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra (con sede en Vigo) a segunda e definitiva xornada do xuízo contra Filipe S.M. e a súa muller Carminda B.A.; José Joaquín P.B. e a súa muller María A.A.; Manuel A.A. e a súa muller Elisabeth H.R.; e Fernando M.A., acusados de delitos contra a seguridade e hixiene no traballo, e contra os dereitos dos traballadores, por supostamente explotar a compatriotas lusos nunha actividade de reparación e reconstrución de palés de madeira.

Nesta xornada declararon os dous inspectores de traballo que acompañaron a axentes de policía nun operativo desenvolvido en dous poboados xitanos (un preto do Meixoeiro e outro na parroquia de Cabral) o 24 de xaneiro de 2017.

Eses funcionarios certificaron as malas condicións en que as vítimas desenvolvían o seu traballo, con desorde absoluta, palés apilados, maquinaria perigosa sen medidas de seguridade, sen equipos de protección individual, etc. “Nos meus 32 anos de experiencia como inspector, nunca vin nada así: traballadores desarrapados, sen hixiene (…) as condicións eran deplorables”, sinalou un deses inspectores.

INCUMPRIMENTO DA NORMATIVA

Nesa visita aos poboados, estes inspectores comprobaron que os traballadores vivían, nun caso, nunha caravana e, no outro, nun camión abandonado. Os propios traballadores confirmáronlles que desenvolvían o seu labor en xornadas dunhas 10 horas, sen vacacións, sen formación nin protección, e por soldos de entre 20 e 30 euros á semana.

“Estaban nunha situación de necesidade, e había un claro incumprimento de toda a normativa laboral e de seguridade. É que non cumprían nada”, constataron estes funcionarios, que incidiron en que as condicións de traballo nos poboados incorrían en “riscos graves” para a seguridade e saúde desas persoas.

PERSOAS VULNERABLES

Por outra banda, a forense que realizou os informes sobre a situación dos operarios supostamente explotados, confirmou ante o tribunal a situación de vulnerabilidade destas persoas, que se atopaban en circunstancias de marxinalidade e precariedade xa no seu país de orixe.

En concreto, a especialista do IMELGA referiuse a dous deses traballadores. Un deles, un mozo que chegou ao poboado xitano de Cabral con pouco máis de 20 anos, en situación de desarraigamento familiar e “sen contar co apoio de ninguén”. “Chegou en situación de precariedade absoluta e só aspiraba a cousas básicas: ter comida e un sitio onde durmir”, explicou.

Así mesmo, fixo mención a outro dos traballadores, un home de 45 anos que cualificou como “unha persoa especialmente vulnerable”, xa que vivía en Portugal en situación de “exclusión e marxinalidade” tras perder o seu emprego por problemas de saúde. “Era coma se tivese 60 ou 70 anos, polos seus problemas físicos e sociais, debido ás moitas horas de traballo”, incidiu.

Segundo sinalou a forense, esta persoa “non tiña ningunha outra expectativa, máis aló de sobrevivir” e a súa condición psicolóxica é equiparable á de alguén “cunha discapacidade intelectual”. Así, o propio traballador referiu que non saíra do poboado desde a súa chegada a España case dous anos antes, que “a súa xefa lle deixaba algunha vez o teléfono para chamar á súa filla”, que traballaba de luns a sábado e “se aseaba unha vez á semana, na casa dos seus xefes”.

Nin sequera pensaba se a súa situación era ou non xusta, nunca se enfrontou aos seus empregadores, estáballes superagradecido porque tiña cubertas as súas necesidades básicas, e sabía que se perdía esta ocupación non podería atopar outra cousa. Era unha persoa totalmente sumisa”, recalcou.

TRABALLADORES E POLICÍAS

Ese mesmo ‘empregado’ prestou declaración ante a Audiencia no xuízo este mércores, e corroborou que vivía e traballaba no poboado dez horas diarias, por “10 ou 15 euros á semana”, porque o resto llo “gardaba” a súa xefa Carminda, aínda que non soubo dicir cal era o seu salario mensual nin canto diñeiro ten aforrado.

A pesar desas condicións, esta testemuña confirmou que segue vivindo nese asentamento, e que está “moi agradecido” ao matrimonio acusado para o que traballa (Filipe e Carminda). “Trátanme ben, nunca me pegaron”, proclamou.

Na mesma liña, outras testemuñas que traballaron para os acusados, negaron que fosen explotados, e afirmaron que se repartían os beneficios cos seus empregadores, ademais de ter aloxamento e “tres comidas ao día”. Así mesmo, mantiveron que tiñan liberdade para entrar e saír do poboado.

Pola súa banda, os axentes de Policía que prestaron declaración explicaron que a investigación destes feitos iniciouse por unha solicitude da Policía Judiciaria de Portugal. Así, funcionarios lusos pediron á Policía Nacional que comprobase uns feitos que foran denunciados por un cidadán portugués no Porto.

Segundo a  denuncia, os acusados foron aos lugares de residencia das vítimas, prometéronlles darlles traballo a cambio duns 600 euros mensuais e, en realidade, leváronos a estes poboados xitanos, onde os tiñan supostamente retidos. “Denunciouse que non cumpriran nada do que lles prometeron”, explicou o xefe do grupo de investigación.

CONCLUSIÓNS

Na súa alegación final, a Fiscal mantivo a acusación e a petición de penas (dous anos de cárcere para cada un do sete acusados, e outros dous anos a maiores para Filipe S.M. e a súa muller Carminda B.A.), e incidiu en que quedou “acreditada” a relación laboral, “aínda que non houbese contrato”.

A representante do ministerio público recalcou que, non só as condicións destes traballadores estaban “asombrosamente por baixo” do legalmente esixible, senón que os acusados favoreceron e mantiveron a súa situación de “marxinalidade”, “abusando da súa vulnerabilidade”.

A defensa dos procesados, pola súa banda, negou que houbese esa relación laboral, e subliñou que os seus patrocinados non rexentan un negocio de explotación de madeira, senón que se dedicaban a unha “actividade marxinal de recollida de residuos”.

Segundo sostivo, os traballadores foron “acollidos” nestes poboados xitanos, onde “lles deron para comer e lles daban diñeiro”, porque “ninguén lles botaba unha man, nin en Portugal nin en España”. “E varios seguen vivindo alí con eles, porque están en situación de miseria absoluta”, sinalou.

O xuízo quedou visto para sentenza este mércores.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...