Un estudo da Universidade de Vigo publicado recentemente amosa que o grao de efectividade da vacina antigripal da tempada 2015-2016 en Vigo foi elevada, para previr o ingreso hospitalario por gripe e o ingreso na UCI. Pola contra, non se demostrou unha gran efectividade para evitar a hospitalización por gripe nos maiores de 75 anos, nin o falecemento por gripe, posto que o 8% dos ingresados faleceu.
O estudo foi realizado por María Pena Martínez, Irene Felpeto Nodar e Sonia Pérez Castro da Universidade de Vigo, e Víctor del Campo Pérez do Instituto de Investigación Biomédica Galicia Sur, e conclúen que contra o tipo B do virus a vacina tivo unha efectividade do 67,1%, pero só do 30,1% contra o virus A.
Ingresaron 262 pacientes con gripe confirmada, máis do 70% nun grupo de risco, e cunha media de idade de 53,9 años. A Comunidade Autónoma de Galicia administrara durante unha campaña de dous meses 485.593 doses de vacina antigripal, superando en máis de 20.000 ao curso anterior pero sen alcanzar o obxectivo de cubrir ningún grupo de risco. Na área de Vigo produciuse o índice de vacinación máis baixo de toda Galicia, cun 49,8%.
A gripe, polo seu poder de transmisión, é un gran problema de saúde pública que afecta cada ano a en torno ao 15% dos españois, sendo a vacinación a medida máis efectiva para diminuír a súa influencia, sobre todo no que respecta aos grupos de risco. A tempada de gripe de 2015 e 2016 durou once semanas. O virus evoluciona con facilidade, polo que a composicións das vacinas cámbianse cada ano.
A efectividade da vacina antigripal varía anualmente en función do grao de concordancia entre os virus incluídos na vacina e os que realmente circulan. Polo tanto, resulta crucial estudar a súa efectividade en cada curso, tendo ademais como precedente o fracaso do curso anterior.
OS MÁIS AFECTADOS POLA GRIPE FORON OS MENORES DE 15 ANOS
Comparáronse os valores de diferentes grupos para analizar a existencia ou non de diferencias notables entre estes. A tempada de gripe abarcou ingresos hospitalarios dende a semana 47 de 2015 ata a 25 do 2016, cunha taxa de hospitalización por gripe para a área de Vigo de 59,1 ingresados por cada 100.000 habitantes, variando entre 53 e 110 en función da zona sanitaria.
A distribución por sexos foi similar, 50,7% homes e 49,3% mulleres, 21 delas embarazadas no momento do ingreso. Os rangos de idade varían entre os 19 e 92 anos, e o número de ingresados dispárase nos nenos e nos anciáns. De feito, no conxunto de España, os máis afectados pola gripe foron os menores de 15 anos. De media, os ingresados varóns esperaron 3 días dende que padeceron os primeiros síntomas, e as mulleres catro. Curiosamente, os homes permaneceron ingresados de media case catro días máis que elas.
Só setenta persoas das ingresadas recibiran anteriormente a vacina contra a gripe. A maioría dos falecidos non recibiran a vacina, pero o estudo non observa unha relación significativa entre vacinación e falecemento. Máis dun 60% dos falecidos tiñan máis de 65 anos.
A efectividade da vacina foi do 44,7% para previr complicacións graves, do 79,8% por cento para evitar a Unidade de Coidados Intensivos (UCI) e do 34,7% para previr o ingreso hospitalario. Neste punto, a vacina foi substancialmente máis efectiva para os homes (38,7%), que para as mulleres (30,9%).
No seu caso, para as menores de 40 anos o maior factor de risco para ingresar por gripe é o embarazo, pero só o 14,3% das xestantes ingresadas recibiron a vacina.
Canto maior idade, alónganse os períodos de hospitalización, pero ademais este estudo determinou que aínda que a efectividade da vacina era importante en maiores de 60 e 65 ano, nos maiores de 75 anos xa caía en picado, cunha efectividade de só o 26,8%.