InicioSociedade"Loitamos por traballar. Non imos dobregarnos”, din as auxiliares de enfermaría do...

“Loitamos por traballar. Non imos dobregarnos”, din as auxiliares de enfermaría do Cunqueiro

As traballadoras inician o peche no exterior do HAC ao esixirlles a Xerencia "retirarse" do hall onde foron recibidas por vehículos e un helicóptero da Policía.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Ao redor dun cento de auxiliares de enfermaría do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo iniciaron a media mañá deste xoves un peche de 24 horas no centro, aínda que trasladaron a súa protesta ao exterior do edificio ao instarlles a Xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) a “retirarse inmediatamente de lugares non autorizados“.

O colectivo de auxiliares de enfermaría decidiu iniciar un peche de 24 horas desde este xoves para visibilizar o seu rexeitamento á imposición por parte da Xerencia da función de trasladar e depositar bolsas de roupa sucia nos puntos de recollida habilitados. Ademais, esixen que se retiren os expedientes abertos e en trámite e que quiten as sancións impostas a algúns traballadores.

O colectivo de TCAE (Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermaría) iniciou o peche cunha concentración no hall da entrada principal do hospital, onde cantaron consignas como “xerente dimisión, non é a nosa función“, “a Xerencia non funciona, os TCAE non son Acciona”, e “negociar non é coaccionar”.

No entanto, a comisión de centro da EOXI recibiu unha carta asinada polo xerente, Félix Rubial, na que lles acusa de “perturbar a tranquilidade nun centro sanitario” e trasládalles que a súa obrigación é “protexer aos cidadáns e a unha institución que presta un servizo público esencial”. Así, subliña que o peche non está comunicado nin autorizado pola dirección, e ínstalles a “retirarse”.

A lectura desta carta por parte da portavoz da comisión de centro, María José Diéguez, foi acollida ao berro de “xerente, dimisión”. Após iso, a portavoz dos TCAE, Miriam Costas, trasladoulles aos seus compañeiros as consecuencias de continuar co peche dentro do hospital –sanciones, expedientes…–, polo que finalmente optaron por trasladar a mobilización ao exterior.

“NON IMOS DOBREGARNOS”

A continuación, o colectivo iniciou unha marcha, “en silencio e respectando”, polas zonas nas que se atopan os pacientes, con intención de dar a coñecer a súa situación aos usuarios, tranquilizalos e conseguir que lles “apoien”. “Loitamos polas nosas funcións e por traballar como até agora. Non imos dobregarnos”, selou a portavoz.

Nesta liña, tamén fixo fincapé en que, aínda que se están mobilizando, “o último” que pretenden é “prexudicar en nada ao servizo sanitario” e o que fan é “loitar” desde o respecto e o coidado aos pacientes. En canto a que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, mostrouse aberto a dialogar “para poder solucionar” o conflito, a portavoz indicou que no Sergas non se puxeron en contacto con eles para falar, e en todo caso sostivo que “non hai que negociar”.

Así as cousas, remarcou que o que se ten que facer é contratar persoal para recoller as bolsas de roupa sucia; e ademais asegurou que non van sentar a falar “mentres haxa expedientes abertos e outros en trámite”. “Primeiro que os retire, senón non haberá ningún tipo de negociación”, concluíu.

ÚLTIMAS

Recollen xa o 75% do aceite de palma vertido no porto de Vigo

O dispositivo de limpeza posto en marcha tras o vertido duns 100.000 litros de...

A Fiscalía pide tres anos de prisión para un home acusado de estafar a unha muller cun falso anuncio de aluguer en Vigo

A Fiscalía solicita tres anos de prisión para un home acusado de estafar a...

O xurado considera culpable de asasinato ao autor do crime de Coia pero ve atenuantes e as acusacións rebaixan penas

O tribunal de xurado encargado de axuizar o chamado crime de Coia, en Vigo,...

O TSXG esíxelle ao Concello de Vigo que o Nadal non perturbe a tranquilidade dunha veciña

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ordenou a continuación da execución da...