Manifestación multitudinaria en Vigo para defender a sanidade pública

Foto da manifestación pola sanidade pública en Vigo, pasada por auga / CIG
Manifestación fai meses pola sanidade pública en Vigo, pasada por auga / CIG

Unhas 2.000 persoas manifestáronse este xoves polas rúas do centro de Vigo, nunha marcha convocada pola Xunta de Persoal da área sanitaria, para denunciar os problemas de colapso de Urxencias, saturación da Atención Primaria e as avultadas listas de espera, e para esixir unha sanidade “cento por cento pública” e de calidade.

Na marcha, que partiu pasadas as 20.00 horas do cruce de Vía Norte con Urzáiz, participaron, entre outros, o alcalde da cidade, Abel Caballero, e varios dos concelleiros da Corporación; o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; e o portavoz de En Marea, Luís Villares, entre outros cargos políticos.

Detrás unha pancarta na que podía lerse ‘Pola Sanidade pública’, os manifestantes corearon consignas como ‘Camas pechadas, negocio para a privada’, ‘Álvaro Cunqueiro, hospital chapuceiro’ ou ‘Menos directores e máis traballadores’.

Ao final da marcha, unha portavoz leu o manifesto, no que os convocantes pediron “rescatar” a sanidade pública, dotándoa dos medios e dos profesionais necesarios, tanto en hospitais como en Atención Primaria.

Fotografía da manifestación pola sanidade pública en Vigo de 2016 / Wikimedia Commons
Manifestación con mesmo motivo fai dous anos en Vigo / Wikimedia Commons

Así, esixiron a construción de novos centros de saúde para paliar a “grave” situación actual e a “deterioración” do servizo; tamén reclaman medidas para reducir as “intolerables” listas de espera, ou o “colapso” nas Urxencias.

Segundo proclamaron, estes problemas só poden ter solución se se recupera a xestión “cento por cento pública” do Hospital Álvaro Cunqueiro, no que, “por suposto”, debe haber un aparcadoiro “público e gratuíto”.

A Xunta de Persoal lamentou o empeoramento do servizo sanitario polos “drásticos recortes”, e denunciou que “os únicos beneficiarios da política sanitaria da Xunta foron “as empresas privadas, que incrementaron un 42 por cento a concertación co Sergas”.

 No manifesto tamén é detallado que dende a chegada ao poder de Núñez Feijoo, a Xunta de Galiza recortou o orzamento sanitario nun 18%, pechou 970 camas, suprimiu 513 prazas de persoal médico e 1121 de persoal non sanitario. Na área de Vigo, co peche do Xeral, do Rebullón e do Cíes só se gañaron seis camas hospitalarias, “perdendo tres hospitais públicos a cambio dun en mans dunha empresa privada”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here