InicioSociedadeVigueses nas famosas fraternidades das universidades estadonidenses

Vigueses nas famosas fraternidades das universidades estadonidenses

Ramón Ruiz Solís voltará a Vigo co diploma da Omicron Delta Kappa, unha importante Sociedade de Honra americana. Tamén se iniciou como irmá na Fraternidade Sigma Nu.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Ramón Ruiz Solís non perdeu o tempo nos EE.UU. Matriculado en ADE-Dereito na Universidade de Vigo pasou un ano de intercambio na East Carolina University cunha bolsa ISEP e demostrou a súa capacidade de liderado en diferentes ámbitos. De feito, voltará a Vigo con dous diplomas de dúas organizacións universitarias de certo prestixio; a Omicron Delta Kappa e a Fraternidade Sigma Nu. A primeira é unha sociedade de honra, a segunda, unha fraternidade de estudantes.

As sociedades de honra estadounidenses son organizacións profesionais que recoñecen a excelencia dos seus membros. Principalmente o termo refírese ás sociedades de honra académicas, aquelas que recoñecen as alumnas e alumnos que sobresaen academicamente ou como líderes entre os seus iguais, a miúdo dentro dunha disciplina académica específica. Este é o caso da Omicron Delta Kappa, fundada hai algo máis dun século na Washington and Lee University en Lexington, Virxina, da que forman parte persoeiros como George Bush e Hillary Clinton, entre outros moitos.

O proceso de selección para entrar a formar parte da Omicron Delta Kappa require unha invitación previa e supón pasar por varias fases de entrevistas persoais e actividades en grupo co resto de posibles candidatos e candidatas. “A sociedade recoñece e incentiva o elevado nivel de liderado e fomenta a colaboración entre os seus membros a través das diferentes fases que premia: bolsas, deportes, servizos, comunicación e artes”, apunta Ruiz Solís, ao tempo que explica que para formar parte desta sociedade hai que demostrar liderado nalgunha destas fases e “no meu caso, fíxeno practicamente nas cinco”.

AS FRATERNIDADES AXUDAN A ATOPAR TRABALLO

Ademais de nesta sociedade de honra, este semestre o estudante foi tamén iniciado como irmá na Fraternidade Sigma Nu, que aquí se coñecen, principalmente, polos filmes que chegan dos EE.UU. e con imaxes ben distintas á realidade. “Estas sociedades supoñen unha gran vantaxe á hora de establecer relacións de traballo e de demostrar que se posúen certas habilidades”, recalca o alumno, quen lembra que en 2017 recibiu, de forma conxunta con outros compañeiros e compañeiras, un dos premios IncuviEmprende polo proxecto Dibleo, networking community, unha rede social de emprendemento universitario. “Formar parte deste proxecto de base tecnolóxica con gran peso das redes sociais axudoume moito tamén en todo este proceso”, recalca o alumno, quen, tras rematar o segundo semestre, volverá esta mesma semana a Galicia. “Volvo moi contento porque son que eles denominan un straight-A Student e estou na Chancellor’s List, que é un recoñecemento aos mellores expedientes académicos”, recalcou.

Tal e como informa o Duvi, o xornal da Universidade de Vigo, Ruiz Solís chegou a Estados Unidos cunha bolsa ISEP dun ano de duración e durante a súa estancia na East Carolina University (Greenville, North Carolina) e tamén colaborou facendo prácticas preprofesionais co College of Business. “Ademais inscribinme no Club de Rugby masculino, co que debutei o semestre pasado cunha vitoria e, a maiores, participei activamente en diferentes campañas a pro do medio ambiente como membro do Eco-Pirates Club”, apunta o estudante, quen admite sentirse tremendamente orgulloso e “moi privilexiado” de ser convidado a formar parte dunha sociedade de honra “tan recoñecida”.

ÚLTIMAS

Vigo, epicentro dunha folga xeral con numerosas mobilizacións en toda Galicia

Os traballadores galegos están convocados este mércores 11 de novembro a secundar unha folga...

Disney+ desembarca no Nadal de Vigo cunha experiencia inmersiva gratuíta e “única”: así será a nova atracción do centro da cidade

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que Disney+ instalará na rúa Policarpo Sanz...

O PP de Vigo acusa a Caballero de “vetar” un aumento da partida de vivenda

A presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, acusou o alcalde, Abel Caballero, de...

Acepta 10 meses de prisión por insultos racistas a unha menor nun bus de Vigo por dicir que “ía nunha patera”

Un home acusado dun delito contra os dereitos fundamentais e contra a integridade moral...