InicioSociedadeProfesionais sanitarios denuncian a inestabilidade que implica o novo contrato proposto pola...

Profesionais sanitarios denuncian a inestabilidade que implica o novo contrato proposto pola Xunta

Aseguran que esixe "estar dispoñible 24 horas" ao día, realizar substitucións en distintos centros e "atender cada día a uns pacientes"

PUBLICADO O

- Advertisement -

O colectivo de médicos eventuais da área sanitaria de Vigo (englobado en Precarias pola Atención Primaria) denunciou a inestabilidade que implica o novo contrato de continuidade, publicado en xaneiro no Diario Oficial de Galicia (DOG). Esta foi unha iniciativa da Consellería de Sanidade pensada para dar resposta ás demandas dos profesionais en relación á sobrecarga asistencial.

Esta proposta ofrécese na actualidade aos empregados eventuais, aínda que os traballadores tamén poden optar por continuar co modelo anterior, consistente en substitucións puntuais en distintos puntos da área sanitaria.

Nunha rolda de prensa celebrada este mércores en Vigo, a profesional Laura Prado detallou que tal medida leva consigo cronificar a inestabilidade. Lamenta queaínda que o contrato poida alcanzar varios meses en lugar de asinarse para cubrir outros profesionais durante só uns días, obriga o traballador a desprazarse a distintos puntos da área sanitaria e a “estar dispoñible 24 horas” ao día.

A este respecto, criticou que, dado que o documento non estipula un máximo de gardas “nin libranzas” despois de realizalas, os profesionais sanitarios poderían enfrontarse a “xornadas de 31 horas” continuadas. Prado afirmou ademais que este contrato “obriga” o empregado a “cubrir a varios médicos en distintos centros”,  de maneira que “cada día” tería que atender a uns pacientes distintos. Nesta liña, sinalou que a proposta da Consellería de Sanidade tamén implica que “o 40 por cento da xornada laboral non se estipule de antemán”.

Así, a profesional sanitaria asegurou que este contrato foi rexeitado por uns “300” traballadores, fronte á aceptación duns “10”. Tamén se mostrou convencida de que a firma deste documento provocará o desmantelamento da Medicina Familiar e Comunitaria “en poucos anos”, ademais de que non se poida garantir o seguimento necesario dos pacientes que ofrece este servizo.

ESCASEZA DE PERSOAL

Así mesmo, mentres que a Xunta achacou a sobrecarga asistencial á escaseza de persoal, a profesional Maite Espantoso asegurou que esta se debe á “fuga ao sector privado e ao estranxeiro” dos titulados e non á falta de persoal formado. Por iso, apostou por incrementar a Oferta Pública de Emprego (OPE) na que, segundo detallou, rexistráronse máis de 1.000 aspirantes para máis de 200 prazas.

Neste sentido, incidiu en que, debido á sobrecarga asistencial e as “xubilacións en masa” previstas para os próximos anos, as prazas ofertadas deben ser superiores á taxa de reposición co fin de atallar a situación na que se atopa o servizo de Atención Primaria.

MOBILIZACIÓNS

Así mesmo, Maite Espantoso avanzou que o colectivo no que se integra, que engloba máis de 250 profesionais eventuais, sumarase ás mobilizacións que convoque a Coordinadora Galega de Atención Primaria. De feito, xa acordaron realizar unha folga xeral na Atención Primaria de Galicia para os días 9, 10 e 11 de abril.

A maiores, Espantoso mostrou o apoio de Precarias pola Atención Primaria á dimisión de 22 dos 25 Xefes de Servizo e Unidade da área sanitaria de Vigo, unha actuación que eles mesmos consideraron “irrevogable” ante a sobrecarga asistencial. Estes profesionais xa presentaran a súa renuncia en decembro, aínda que a Consellería de Sanidade a rexeitara.

ÚLTIMAS

Sogama acusa a Caballero de mentir sobre a subida do canon do lixo

O presidente de Sogama, Javier Domínguez Liño, acusou este luns ao alcalde de Vigo,...

O BNG esixe pór fin ao “descontrol” e á “barra libre” dos pisos turísticos en Vigo: “En 5 anos, pasaron de 400 a 2.400”

O BNG de Vigo esixiu ao goberno municipal e á Xunta de Galicia que poñan fin...

O embaixador de Perú rende homenaxe ás vítimas do Villa de Pitanxo no porto de Vigo

O embaixador de Perú en España, Luís Iberico Núñez, encabezou este domingo unha ofrenda...

Enfróntase a máis de 16 anos de cárcere acusado de violar e roubar a unha muller á de traballar dun hospital de Vigo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, xulgará o vindeiro...