O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, aludiu este xoves á Lei de Espectáculos de Galicia para asegurar que era obrigación “indelegable” do Concello de Vigo o “comprobar as estruturas“. Así mesmo, sostivo que era a este ente a quen lle correspondía dar licenza para a celebración do festival O Marisquiño, no que se rexistrou un accidente o pasado mes de agosto que causou máis de 400 feridos.
Así o explicou durante a súa comparecencia na Comisión de Investigación que se celebra no Pazo do Hórreo para tratar de esclarecer as causas deste accidente. Para López-Chaves, o sucedido “non é un erro, é un incumprimento” da Lei de Espectáculos de Galicia, que entrou en vigor o pasado 2 de xullo. Esta norma, indicou, esixe para este tipo de eventos “unha licenza do concello”, que debe outorgarse tras “comprobar” cuestións en materia de seguridade e protección, como “a solidez das estruturas” nas que ten lugar. Esta esixencia, “indelegable”, dixo López-Chaves, non se “cumpriu” no caso deste festival, para o que “só se entregou unha licenza de ocupación de vía pública”.
Segundo explicou o delegado, a Xunta celebrou no mes de xuño unha reunión en Pontevedra co obxectivo de explicar a nova normativa da Lei de Espectáculos, un encontro “ao que non asistiu o alcalde nin o concelleiro de Seguridade de Vigo”. Tras iso, avogou por descubrir “por que non se outorgou a licenza” por parte do consistorio, o “organismo competente”.
Do mesmo xeito, insistiu nas súas acusacións ao apuntar que este festival se celebra no “termo municipal de Vigo”, ademias de estará “incluído no programa de festas” da localidade e contar coa colaboración do concello noutras edicións.
ZONA PORTUARIA
Noutra orde de cousas, López-Chaves, expresidente da Autoridade Portuaria de Vigo, rexeitou que a zona onde se produciu o afundimento sexa “un peirao”, senón “un paseo marítimo”. Ademais, referiuse a unha sentenza na que, tras unha reclamación ao porto por unha caída na mesma zona, se lle atribúe a responsabilidade ao consistorio vigués.
En todo caso, alegou, “no porto non se fai nada sen a autorización do concello, nin sequera obras”. “O concello é o auténtico señor” do que se fai alí, dixo López-Chaves, que atribuíu ao goberno local un “control rigoroso nos últimos anos das actividades” na zona.
Neste sentido, destacou, o concello, segundo o seu criterio, “precintou instalacións”, parou ” obras” e enviou ” á Policía Local” para analizar cuestións que se desenvolvían en terreos portuarios. “O Porto de Vigo é tan termo municipal como o é a Praza de España”, resolveu.
UNHA “OBSESIÓN ENFERMIZA” CON VIGO
Durante a súa quenda de intervención, o deputado nacionalista Luís Bará recoñeceu que o Concello de Vigo “tramitou mal o expediente”, aínda que vinculou este feito a que a Lei de Espectáculos “non aclara” con rotundidade as tipoloxías de eventos en cada categoría e acusou á Xunta de ter “unha obsesión enfermiza co Concello de Vigo”. Nesta liña, Bará apuntou que, a maiores da responsabilidade municipal, o evento non se celebraría “se o porto non dá autorización á utilización do espazo” e afeou á Administración galega que, nas súas conclusións, “non miren nada para a Autoridade Portuaria”.
Na mesma liña, a deputada de En Marea Carmen Santos apostou que “priorizar o ben común” e traballar para “liquidar os erros que se deron”. “Temos claro que o expediente non se tramitou ben”, dixo Santos, que, no entanto, criticou o “empeño” de Xunta e concello por centrar isto nun “ataque frontal”.
Finalmente, o deputado do PPdeG Alberto Pazos Couñago asegurou que as vítimas piden “fundamentalmente” dúas cousas, “colaboración e transparencia”. “E pídenllo ao concello, porque é o que tiña a primeira responsabilidade”, dixo, tras o que acusou ao consistorio vigués de “saltarse a lei” e “autorizar conscientemente como unha verbena popular o maior evento deportivo de Galicia”.
CONSORCIO ZONA FRANCA
Na sesión deste xoves compareceu tamén a exdelegada do Consorcio Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa. Ela confirmou que este organismo requiriu aos organizadores de O Marisquiño un informe sobre as cargas e elementos que se dispuxeron sobre os espazos baixo a súa xestión, un documento que foi entregado antes de obter a licenza de ocupación.
En concreto, Pedrosa explicou que, anualmente, os organizadores solicitan o uso da área sobre o aparcadoiro motorizado, competencia do Consorcio. Para iso, a entidade informa das esixencias de uso, entre elas a carga máxima, e recibe un informe sobre o cumprimento destes requisitos que “se traslada ao equipo técnico do consorcio”, que é o que determina se se autoriza a utilización do espazo.
O pasado ano, explicou Pedrosa, emitiuse a autorización o pasado 16 de xullo, tras recibir a información dos organizadores, un documento que, no entanto, “non exime da obtención das perceptivas licenzas municipais ou da autoridade portuaria”, dixo.
Teresa Pedrosa explicou que o Consorcio Zona Franca “non sempre pide unha proba de cargas” para dar unha autorización, se non só naqueles casos nos que “o chan non está concibido” para unha infraestrutura, como é o caso do teito do aparcadoiro. Neste caso, dixo, ademais de “pedir que se cumpran as condicións e requisitos”, como non furar o chan ou non danar os elementos, requírese que “non se supere a carga prevista na zona”. “Dicimos: prestámosllo se vostede cumpre estas características, que son as que os nosos equipos técnicos din que ten que cumprir”, dixo Pedrosa, que ratificou que, neste caso, realizáronse estes trámites con normalidade.