As obras da nova estación de autobuses de Vigo, que estará integrada no complexo intermodal de Urzáiz (onde tamén se constrúe o novo centro Vialia, segundo o deseño de Thom Mayne) serán adxudicadas en abril e iniciaranse no verán, segundo avanzou este luns o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Nun acto celebrado na delegación do Goberno galego na cidade olívica, e no que estiveron presentes o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e outros rexedores da comarca, Núñez Feijóo destacou que este proxecto, que ten un prazo de execución de 18 meses, é froito da cooperación institucional, e subliñou que “ninguén podería impulsar en solitario” unha iniciativa desta envergadura.
Así, tras agradecer a implicación de Concello de Vigo e Adif, puxo en valor o “compromiso incuestionable” do goberno galego con este proxecto, no que a Xunta investirá uns 16 millóns de euros (entre a construción da terminal e a achega para os accesos).
Núñez Feijóo lembrou que, precisamente para ‘salvar’ esta e outras iniciativas estratéxicas, a Xunta deu luz verde á lei 3/2016 xa que, tras a anulación do Plan Xeral de Vigo, a finais de 2015, eses proxectos quedaron “en vía morta”. “A Xunta fixo todo o posible porque Vigo tiveron a mellor estación intermodal”, salientou.
A nova estación de buses de Vigo será construída en dúas plantas, de maneira que a superior albergará as 30 dársenas para vehículos, e a inferior será o edificio de viaxeiros (estímanse uns 2 millóns ao ano). Así mesmo, a estación estará conectada co centro Vialia, e terá accesos tanto desde a praza fronte ao complexo como desde a autoestrada AP-9.
APOSTA POLA MOBILIDADE
Por outra banda, o presidente galego incidiu na aposta do goberno autonómico pola mellora da mobilidade e polo transporte metropolitano. A ese respecto, lembrou que miles de galegos poden aforrarse ata 900 euros ao ano grazas ao cartón metropolitano, “en todos os concellos (en áreas metropolitanas de Galicia), menos nun”, en clara alusión a Vigo.
ABEL CABALLERO, “ENCANTADO”
No acto de presentación do proxecto, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, expresou a súa satisfacción polo avance do proxecto, que cualificou como un “paso de xigante na construción da cidade”.
O rexedor, que tamén puxo de relevo a importancia da cooperación “técnica, financeira e política” para levar adiante o complexo intermodal de Urzáiz, proclamou que Vigo leva “esperando” desde 2008 a que este macroproxecto se faga realidade.
Con respecto á estación de buses o alcalde, quen fora moi crítico coa Xunta por, segundo denunciou, non trasladarlle o deseño, resolveu a cuestión cun expresivo: “Presidente, conselleira,…encántame!”.