InicioPolíticaO PP vigués acusa ao Concello de "falsear" as contas do rescate...

O PP vigués acusa ao Concello de “falsear” as contas do rescate do Mar de Vigo

O concelleiro de Facenda asegura que a operación ten aval do xuíz e dos técnicos municipais.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo denunciou este martes que o goberno de Abel Caballero “falseou as contas” para pagar o rescate do Auditorio Mar de Vigo, computando o ingreso de 5,6 millóns de euros pola venda do antigo reitorado, cando esa venda aínda non se fixo.

Así o explicou en rolda de prensa o edil ‘popular’ Miguel Fidalgo, quen recordou que o proceso de venda do antigo reitorado da rúa Areal (que comprará Zona Franca) aínda está en fase de exposición pública, e pendente dunha modificación urbanística, así como da súa aprobación en xunta de goberno e en pleno.

O concelleiro Fidalgo denunciou que o goberno vigués “está a saltarse a lei” para facer fronte á quebra da concesión do Auditorio, unha quebra que levaría ao equipo de Caballero (segundo o PP) a “vender todo” para pagar antes do pasado 31 de decembro.

A ese respecto, recordou que, ademais dos 5,6 millóns da venda do reitorado, o goberno local “desviou” para ese rescate outros 4 millóns da Xerencia de Urbanismo que “debían destinarse á promoción pública de vivenda”. A iso súmanse 15,6 millóns de euros de remanentes, 8 millóns procedentes do superávit, e outros 2,6 millóns da venda do antigo hotel Samil.

Segundo as contas do grupo municipal do PP, estes 35 millóns non foron o custo final da operación do Auditorio, posto que o goberno vigués xa desembolsara outros 35 millóns. “En total, máis de 70 millóns de fondos públicos pagados con diñeiro de todos os vigueses”, criticou.

O goberno local de Vigo respondeu á denuncia do PP a través dun comunicado do concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, remitido aos medios de comunicación.

Nel, Aneiros recorda que a operación “vantaxosa” de rescate do Auditorio conta co aval do xuíz mercantil que supervisou o proceso concursal, asi como co visto e prace do interventor e do tesoureiro do Concello.

“O que ten que explicar o señor Fidalgo é se cre que tiñamos que pagar 84 millóns, como o PP dicía”, apostilou, e afirmou que o edil ‘popular’ debería “volver a primeiro de Económicas, e aínda así, tería dificultades”.

ÚLTIMAS

A Policía Local localiza en Salceda un veciño do Porriño desaparecido desde o xoves

A Policía Local de Salceda de Caselas localizou na tarde deste venres a Vicente...

Conxemar reúne en Vigo expertos internacionais para abordar os retos da pesca antes da apertura da feira

Vigo converterase desde este luns nun dos puntos de encontro internacionais do sector pesqueiro...

Estudantes da UVigo levan ao espazo un experimento para probar cámaras e sensores de radiación

Estudantes da Universidade de Vigo integrados na asociación UVigo SpaceLab conseguiron poñer en órbita o experimento CORTIS, unha...

Unha explosión durante unha voadura nunha canteira do Porriño deixa catro traballadores feridos, un deles grave

Catro traballadores resultaron feridos, un deles de gravidade, nunha explosión rexistrada este venres nunha...