InicioSociedadeA parella do falecido no Saltamontes recorre para que se investigue tamén...

A parella do falecido no Saltamontes recorre para que se investigue tamén un alto funcionario de Vigo e o presidente da comisión de festas

A acusación pide á Audiencia de Pontevedra que revogue o arquivo respecto do xefe municipal de Seguridade e do responsable das festas de Matamá por posibles delitos de homicidio imprudente e lesións.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Unha das acusacións personadas no chamado caso Saltamontes presentou recurso de apelación ante a Audiencia Provincial de Pontevedra para que deixe sen efecto o sobresemento das actuacións respecto do xefe da área municipal de Seguridade, Antonio V.M., e do presidente da comisión de festas de Matamá, Cristian G.M. A acusación, que representa a parella do mozo falecido na atracción e que estaba con el no momento do accidente, reclama que se ordene continuar as actuacións contra estas dúas persoas polos supostos delitos de homicidio imprudente e lesións.

O auto da sección de Instrución de Vigo, do pasado 12 de xuño, rexeitara os recursos presentados tanto por esta acusación como pola concelleira de Seguridade de Vigo, Patricia Rodríguez. Nesa resolución, o xuíz ratificaba a imputación da edila e do propietario da atracción, Gerardo Manuel M.D.S., e confirmaba o sobresemento respecto do xefe municipal de Seguridade e do presidente da Comisión de Festas, ao considerar que non mantiñan unha posición de garantes e que non se lles podía atribuír a responsabilidade de precintar a instalación.

“CAPACIDADE REAL” PARA ACTUAR

Contra ese auto, a parella do falecido presentou agora recurso de apelación ante a Audiencia. No escrito sostén que existen “indicios razoables suficientes” para a imputación de Antonio V.M. e Cristian G.M., pola súa “intervención, coñecemento do risco e capacidade de actuación”“Ambos tiñan capacidade real para activar medidas materiais, organizativas, policiais ou administrativas que impedisen a continuidade do funcionamento da atracción”, sinala o recurso. No tocante ao alto funcionario municipal, a acusación afirma que tiña funcións técnicas, informativas, asesoras e de “advertencia cualificada”. De feito, o escrito sostén que a este responsable municipal “se lle presupoñen máis coñecementos ca á propia concelleira a quen ten que asesorar”.

O PAPEL DA COMISIÓN DE FESTAS

En canto ao presidente da Comisión de Festas de Matamá, a acusación apunta que non só era o organizador e director do Plan de Autoprotección do evento, senón que sabía que o Saltamontes estaba en funcionamento malia carecer de autorización municipal. Segundo esta parte, Cristian G.M. podería ter activado o Plan de Autoprotección, avisado con urxencia a Policía Local, comunicado o incumprimento ao Concello ou mesmo impedido o acceso de usuarios á atracción. Ademais de pedir a imputación destas dúas persoas, a acusación reclama tamén que se declare a responsabilidade civil subsidiaria do Concello de Vigo e da asociación organizadora da festa.

DOUS IMPUTADOS E PETICIÓNS DE CATRO ANOS E MEDIO DE CÁRCERE

Neste momento, o procedemento séguese por homicidio imprudente e por un delito de lesións contra a concelleira de Seguridade de Vigo e o propietario da atracción. Os feitos ocorreron na madrugada do 3 de agosto de 2024, cando un dos brazos do Saltamontes se desprendeu. Un mozo que ía na atracción, Iván C.H., de 36 anos, sufriu lesións que lle provocaron a morte. Ambas as acusacións particulares xa presentaron os seus escritos de cara á apertura de xuízo, que aínda non se produciu.Nos seus escritos solicitan para cada un dos dous imputados unha pena de catro anos e medio de cárcere.

ÚLTIMAS

Vigo acollerá un concerto solidario para axudar a Venezuela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a celebración dun concerto solidario...

Desconvocada a folga nas lavandarías dos hospitais da área de Vigo

O comité de empresa e a dirección de Elis Manomatic, que presta o servizo...

O BNG denuncia un “recorte salvaxe” de camas na área de Vigo este verán

O BNG esixiulle á Xunta que "rectifique" o peche de camas e os "recortes"...

Revogada a condena a un pub de Vigo por difundir un vídeo onde se vían dous clientes “en actitude cariñosa”

A Audiencia de Pontevedra estimou un recurso presentado por un local de lecer de...