A xuíza da praza 2 da sección contencioso-administrativa do Tribunal de Instancia de Pontevedra desestimou o recurso presentado polo colexio concertado Compañía de María de Vigo e pola súa ANPA contra a decisión da Xunta de reducir de 60 a 40 as prazas concertadas nas aulas de Educación Infantil de 3 anos. A resolución considera que non se vulneraron dereitos fundamentais, como alegaban os recorrentes. O conflito xurdiu durante o proceso de admisión de alumnado para o curso 2025-2026, cando a Consellería de Educación estableceu que o número de prazas concertadas baixaría de 60 a 40.
O colexio e a asociación de nais e pais denunciaron que esa decisión supuña un “intento de prexudicar a entrada de alumnos” no centro e mesmo realizaron unha concentración de protesta, na que participou o concelleiro de Facenda de Vigo, Jaime Aneiros, como un dos pais afectados. De feito, en abril de 2025, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, manifestou publicamente o seu apoio a este colexio relixioso e denunciou o recorte de 20 prazas por parte da Xunta, que cualificou como un “ataque” á cidade.
O CENTRO ALEGABA VULNERACIÓN DE DEREITOS FUNDAMENTAIS
O centro levou o caso aos tribunais e, aínda que inicialmente se inadmitiu o recurso, o TSXG ordenou seguir o procedemento. En febreiro deste ano formalizouse a demanda. O CPR Compañía de María argumentou que ese recorte de prazas en 4º de Educación Infantil, correspondente a 3 anos, provocaba unha situación de indefensión e un prexuízo “irreparable” para as familias que quedaban excluídas e tamén para o propio colexio, ao reducir de tres a dúas as aulas concertadas nese curso.
Por iso, denunciou que a Xunta vulnerara dereitos fundamentais, como o dereito á liberdade de ensino e á libre elección de centro, o dereito dos pais a que os seus fillos reciban unha formación relixiosa e moral acorde coas súas conviccións, ou o dereito á igualdade e á non discriminación, entre outros. Pola súa banda, a Xunta defendeu a súa decisión en base ao cumprimento da nova normativa, que modificou as ratios máximas de alumnado. Nas súas alegacións, explicou que o centro presentara unha proposta de concerto que non se axustaba á legalidade.
A XUÍZA CONCLÚE QUE NON HOUBO SUPRESIÓN DE PRAZAS
A xuíza concluíu que non se produciu tal vulneración de dereitos e que, á marxe dos criterios para establecer as ratios ou configurar as unidades concertadas, cuestións que non son obxecto deste procedemento, a Consellería de Educación limitouse a “modificar a configuración das prazas”, sen que houbese unha supresión. Segundo expón na súa resolución, e en aplicación da normativa que reduce as ratios, a Xunta modificou a distribución das aulas concertadas neste ciclo educativo.
Así, as tres aulas de 3 anos reducíronse a dúas, pasando de 60 a 40 prazas ofertadas; as dúas aulas de 4 anos aumentaron a tres; e as aulas de 5 anos mantivéronse igual, en dúas. A xuíza lembra tamén que en cada unidade de Educación Infantil existe alumnado de permanencia e que, para o curso 2025-2026, había dispoñibles 40 prazas de 3 anos, 60 prazas de 4 anos e 50 prazas de 5 anos, mentres que os postos ofertados eran 40, 17 e 0, respectivamente.
A ELECCIÓN DE CENTRO NON GARANTE OBTER PRAZA
Na sentenza sinálase que o dereito de elección de centro educativo non confire ás familias o dereito automático a obter praza nel. Do mesmo xeito, o dereito a recibir unha formación relixiosa e moral acorde coas conviccións familiares non implica que as familias teñan “o dereito total e absoluto de que os seus fillos accedan ao seu centro de preferencia se neste non hai prazas”.
A resolución lembra que as familias poden optar por outros centros concertados que ofrecen educación e opcións similares. Para a xuíza tampouco se vulnerou o dereito á igualdade, xa que non quedou acreditado que noutros lugares e noutros casos se desen solucións distintas que permitisen xustificar a modificación da configuración de prazas. A sentenza non é firme e contra ela cabe interpoñer recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
