O servizo de socorrismo das praias de Vigo comeza a funcionar este luns con 70 profesionais nun total de 13 praias, segundo informou o alcalde, Abel Caballero, nun audio enviado aos medios de comunicación. Tal e como indicou, o Concello destinará este ano uns 850.000 euros ao mantemento da seguridade nas praias da cidade. A estes 70 socorristas hai que sumar, dixo, os 12 profesionais que estarán nas piscinas infantís de Samil, así como 25 axentes da Policía Local e 20 operarios de limpeza.
En total, serán preto de 130 profesionais os que até o 15 de setembro estarán pendentes das praias viguesas, insistiu. Caballero explicou que, ademais do servizo de vixilancia e socorrismo, tamén realizarán asistencia de primeiros auxilios e actuacións de accesibilidade para facilitar o baño ás persoas con mobilidade reducida.
Un ano máis, haberá vixilancia acuática cunha embarcación con base en Samil que se desprazará a outras praias e Vigo disporá dunha ambulancia e dun vehículo de acción rápida nos seus areais para as emerxencias.
