A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo recadou máis de 42.000 quilos de comida durante a campaña Maio Solidario levada a cabo nos supermercados Gadis de Pontevedra, o que supón un 11% máis que no mesmo período de 2025. Nun comunicado, a organización celebrou estas cifras, aínda que apuntou que ante a realidade social actual é necesario a provisión de todo tipo de produtos básicos para atender a máis de 22.000 persoas en situación de vulnerabilidade na provincia.
En concreto, destes 42.000 quilos de alimentos recadados: máis de 34.000 quilos foron entregados fisicamente polos clientes, mentres que o resto son a suma das achegas económicas depositadas ao pasar por caixa e a doazón do 15% realizada pola propia empresa galega. Desde Banco de Alimentos agradeceron a todos aqueles que achegaron o seu gran de area nesta 14ª edición do Maio Solidario de Gadis, así como o traballo de todos os voluntarios que o fixeron posible.
