CARMEN GARCÍA MATEO
No caso da catedrática Carmen García Mateo, presentou este luns no campus de Pontevedra a súa candidatura á reitoría, acompañada polas candidatas ás vicerrectorías de campus: Marián Fernández Villarino, polo campus pontevedrés, e Montserrat Cruz González, polo campus de Ourense. A presentación simbolizou o “liderado compartido” dentro dunha universidade construída desde os tres campus, co obxectivo de reforzar a autonomía e o peso estratéxico de cada sede.
Nunha intervención vinculada ás reivindicacións do 8 de marzo, García Mateo destacou que, de prosperar a candidatura, tres mulleres asumirían a máxima representación institucional en Vigo, Pontevedra e Ourense, o que cualificou como “un proxecto valente cunha nova maneira de entender o liderado para transformar a nosa institución”. “Cremos nunha UVigo que creza desde a proximidade, onde cada campus teña capacidade de decidir o seu futuro e potenciar a súa identidade propia”, subliñou a candidata, catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigadora en tecnoloxías da fala e intelixencia artificial aplicada á saúde, cunha ampla traxectoria académica e institucional na universidade.
DEBATE SOBRE O FUTURO DA UNIVERSIDADE
Durante o acto tamén se anunciou o lanzamento do ciclo de conferencias ‘A universidade que queremos’, unha iniciativa aberta á comunidade universitaria para debater cuestións estratéxicas sobre o futuro da institución. As sesións celebraranse os mércores 11, 18 e 25 de marzo na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do campus de Vigo ás 13.00 horas, cun formato híbrido que permitirá seguir os debates tanto de forma presencial como en liña a través do Campus Remoto.
O PAPEL DO CAMPUS DE PONTEVEDRA
A candidata á vicerreitoría do Campus de Pontevedra, Marián Fernández Villarino, subliñou que esta sede “ten moitos recursos, posibilidades e proxección” e que “ten que retomar o seu espazo e acreditarse como campus de excelencia”. Neste sentido, fixo referencia tamén á posible creación de novas titulacións e dobres graos, cuestións que se prevé analizar dentro do programa da candidatura.
A RESIDENCIA UNIVERSITARIA, UNHA DEMANDA HISTÓRICA
Pola súa banda, Carmen García Mateo sinalou tamén a falta dunha residencia universitaria en Pontevedra como unha “reivindicación histórica”. A candidata explicou que, aproveitando o actual plan nacional de vivenda e a disposición do Concello de Pontevedra, o seu equipo apostará por impulsar este proxecto se resulta elixido para dirixir a universidade.
