InicioSociedadeO TSXG confirma máis de oito anos de cárcere para un home...

O TSXG confirma máis de oito anos de cárcere para un home por violar e ameazar a unha muller que coñecera nun local de lecer de Ponteareas

O alto tribunal galego rexeita o recurso do condenado e ratifica a sentenza da Audiencia de Pontevedra, que considerou acreditada a agresión sexual pese á resistencia reiterada da vítima.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Sala do Civil e o Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena imposta a un home que violou e ameazou a unha muller que acababa de coñecer nun local de lecer de Ponteareas. O alto tribunal desestimou o recurso presentado pola defensa e ratificou integramente o fallo ditado en setembro pola Audiencia Provincial de Pontevedra. A resolución xudicial fixa penas que suman 8 anos e cinco meses de prisión por un delito de violación e outro de ameazas.

Segundo declarou probado a Audiencia, vítima e acusado coñecéronse na noite do 4 ao 5 de maio de 2024 nun establecemento de lecer da localidade, onde permaneceron durante horas. Xa pola mañá, o home propúxolle acompañalo á vivenda na que residía, proposta que ela aceptou. Tras pasar un tempo conversando no coche, ambos entraron no domicilio e dirixíronse a unha habitación. Alí, despois de que ela rexeitase un bico, o condenado tirouna na cama e agarrouna polas bonecas, iniciando actos de carácter sexual malia a negativa expresa da moza, que choraba e lle pedía que parase.

A sentenza considera acreditado que o agresor continuou coa agresión sexual pese á resistencia da vítima, obrigándoa posteriormente a volver espirse e retomando os actos contra a súa vontade. Tras os feitos, o home obrigouna a ducharse e ameazouna con que “iría por ela” se acudía á Policía, segundo recolle a resolución. A muller conseguiu saír da vivenda e pedir axuda á súa nai e a unha amiga, ás que comunicou que fora violada. O TSXG avala agora a valoración probatoria realizada pola Audiencia Provincial, que considerou coherente e verosímil o relato da vítima e suficiente para sustentar a condena. A resolución non é firme, xa que contra ela cabe recurso ante o Tribunal Supremo.

ÚLTIMAS

Vigo converterase en abril no epicentro mundial da pesca sustentable co Global Sustainable Seafood Galicia Forum

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, reuniuse este mércores...

A familia do vigués falecido nun aeroxerador en Burgos defende a inocencia dos seus amigos: “Non teñen a culpa do ocorrido”

A familia de Yibrán Javier Rodríguez, o mozo vigués de 23 anos que faleceu...

Caballero acusa á Xunta de “afundir” parte do campo de fútbol da ETEA e dálle cinco días para reparalo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou este mércores que a Xunta “afundiu” parte...

O Goberno vigués veta unha declaración institucional para pedir a fin das peaxes na AP-9

O goberno municipal de Vigo vetou este mércores unha proposta de declaración institucional, promovida...