A sección do Penal do Tribunal de Instancia Praza 3 de Vigo acolle este mércores a vista contra un home acusado de golpear cun martelo na cabeza ao seu veciño no rellano dun edificio da cidade olívica.
Os feitos serán xulgados a partir das 09.30 horas e para o procesado a Fiscalía solicita até catro anos de prisión como autor dun delito de lesións con instrumento perigoso, aplicando a atenuante de reincidencia. O Ministerio público lembra que o acusado xa fora condenado en 2020 a un ano e dous meses de cárcere por outro delito de lesións, unha pena que lle fora suspendida de forma condicional sempre que non volvese delinquir durante catro anos e medio.
Segundo o escrito de acusación, os feitos producíronse unha noite de abril de 2024, cando, tras un enfrontamento derivado de problemas de convivencia veciñal, o home propinaría á vítima un golpe cun martelo na cabeza. Como consecuencia da agresión, o prexudicado sufriu unha ferida na rexión occipital do cranio, que requiriu grapas de sutura para o seu tratamento. Ademais da pena de prisión, Fiscalía reclama que o acusado aboe 900 euros de indemnización á vítima en concepto de responsabilidade civil.
