InicioSociedadeMédicos e enfermeiras alertan do colapso da Atención Primaria en Vigo: "As...

Médicos e enfermeiras alertan do colapso da Atención Primaria en Vigo: “As listas de agarda chegan aos 15 días, diga o que diga a Xunta”

Profesionais concéntranse no centro de saúde da rúa Cuba para denunciar vacantes sen cubrir, sobrecarga asistencial e esperas de máis de 15 días, unha protesta que contou co apoio do alcalde Abel Caballero.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Traballadores de Atención Primaria concentráronse este xoves ante o centro da saúde da rúa Cuba, en Vigo, para denunciar a “situación crítica” deste servizo pola falta de persoal, unha situación que “se cronifica” e que empeora a calidade asistencial. Así o trasladou a presidenta da comisión de centro, Pilar Rodríguez (CIG), que puxo precisamente o exemplo do centro da rúa Cuba, onde faltan 7 facultativos, a maioría da quenda de tarde; ou do centro de saúde do Porriño, onde faltaron a pasada semana 6 profesionais.

“Desde a última OPE, en xaneiro, reduciuse aínda máis o persoal médico na área sanitaria, o que está a producir unha situación totalmente insustentable”, alertou, antes de denunciar a “sobrecarga” de traballo que padecen os profesionais e o empeoramento da calidade asistencial, con listas de agarda para que os usuarios sexan atendidos “de máis de 15 días, a pesar do que diga a Consellería”. Nese contexto, explicou Pilar Rodríguez, tampouco se está substituíndo ao persoal de Enfermaría e necesítanse tamén reforzos en servizos administrativos. Por iso, pediron á xerencia “primeiro, que escoiten aos profesionais”, e que cubran as categorías para as que si hai persoal.

SERGAS

Ante esta situación, a dirección da área Sanitaria de Vigo non tardou en respostar, reivindicando o seu “compromiso” coa mellora das condicións asistenciais e laborais na Atención Primaria. Así, puxo en valor o seu “gran esforzo organizativo” nun contexto de “déficit” de profesionais “derivado da ineficiente planificación estatal” dos recursos sanitarios e das limitacións existentes no acceso á profesión. Nun comunicado, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) falou do caso concreto do centro de saúde da rúa Cuba de Vigo, onde na actualidade existen tres vacantes estruturais que están a ser cubertas mediante prolongacións de xornada.

Ademais, hai catro ausencias, maiormente por incapacidade temporal, que tamén se cobren con prolongacións de xornada nun 80 %. “A área Sanitaria continúa traballando para manter a actividade asistencial e minimizar o impacto destas situacións sobre a atención á cidadanía e sobre os profesionais”, insisten desde o Sergas, destacando o proceso de oferta pública de emprego aberto, “que permitirá consolidar prazas e mellorar a estabilidade” do persoal.

APOIO DO ALCALDE

Pola súa banda, o alcalde, Abel Caballero, trasladou o seu apoio ao persoal do centro de saúde da rúa Cuba, que “están a defender aos seus pacientes”, e denunciou a “saturación” da PAC, as agardas para Atención Primaria e outros problemas que “van empeorar”. Así, volveu insistir en que a atención será peor cando abra o novo CIS Olimpia Valencia, porque “van quitar médicos” e “pechar” o servizo de Pediatría dalgúns centros. “A Xunta de Galicia só pensa en Vigo para aforrar diñeiro e levarllo a outros sitios de Galicia”, reiterou.

ÚLTIMAS

O padroado do Ifevi aproba o prego para deseñar o seu futuro plan estratéxico

O padroado do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) aprobou este xoves por unanimidade, nunha...

Protesta pola sanción a unha traballadora que alertou dunha mala praxe nunha escola infantil

Decenas de persoas concentráronse na mañá deste xoves en Vigo tras a sanción a...

Rodman construirá tres novas patrulleiras para a Armada por 10,4 millóns

A Dirección de Xestión Económica da Xefatura de Apoio Loxístico da Armada do Ministerio...

Piden 5 anos a un vigués por supostamente maltratar psicoloxicamente á súa esposa con cancro

Un veciño de Vigo enfróntase a 5 anos e 10 meses de cárcere como...