InicioSociedadeA concelleira de Seguridade de Vigo declara como investigada polo accidente mortal...

A concelleira de Seguridade de Vigo declara como investigada polo accidente mortal do Saltamontes: “Dei as oportunas aclaracións”

Patricia Rodríguez nega dar explicacións públicas mentres a acusación denuncia que non se actuou para impedir a atracción sen licenza.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A concelleira de Seguridade do Concello de Vigo, Patricia Rodríguez Calviño, compareceu este martes como investigada ante o tribunal de instancia, sección de instrución, praza 3 da cidade, polo accidente mortal ocorrido en agosto de 2024 nas festas de Matamá, na atracción coñecida como Saltamontes, na que morreu un mozo. Á saída do xulgado, a edila compareceu ante os medios para asegurar que ofrece toda a súa “colaboración persoal e como representante do Concello” para “esclarecer” o ocorrido. “Contestei ou dei as oportunas aclaracións ao preguntado pola xuíza e pola Fiscalía”, afirmou.

Así mesmo, garantiu que “seguirá colaborando” neste procedemento xudicial para “esclarecer os feitos deste lamentable suceso”, aínda que eludiu entrar en detalles sobre as explicacións dadas ante a xuíza. Cuestionada sobre as dúbidas da instrutora acerca de se a Policía Local recibira ordes para precintar a atracción, dado que non contaba con autorización municipal, Patricia Rodríguez limitouse a insistir en que respondeu ás preguntas e “atendeu a todos os requirimentos desde o principio”. “O que si que solicito agora é respecto polo traballo do tribunal e do ministerio fiscal, que son os que terán que resolver como se produciu isto e chegar a esas conclusións”, sentenciou.

SEN “EXPLICACIÓNS CLARAS”

Pola súa banda, un dos avogados da acusación (que representa á que era noiva do falecido), Francisco Méndez Senlle, lamentou que a concelleira non quixo responder as súas preguntas nin ás do avogado que representa á familia da vítima. Así mesmo, criticou que Patricia Rodríguez non deu “explicacións claras” de por que o Concello non actuou (para impedir o funcionamento do Saltamontes), despois de ditar unha resolución que non permitía o inicio da actividade da atracción.

Respecto diso, explicou que tanto a concelleira como o xefe da área municipal de Seguridade, Antonio V.M. (que tamén compareceu este martes como investigado), foron cuestionados acerca de se deron ordes á Policía Local para precintar a atracción. “Non o aclararon, dixeron simplemente que se lle comunicou (a falta de autorización) á Policía Local e punto”, apuntou Méndez Senlle. Dado que as comparecencias desta xornada non serviron para aclarar “por que non se actuou”, ese avogado avanzou que solicitarán a declaración dos responsables da Policía Local.

“Preguntarémoslles por que non fixeron nada para impedir que funcionase a atracción”, apuntou. Este martes declararon como investigados Patricia Rodríguez e Antonio V.M., mentres que unha terceira persoa, tamén citada, Antonio L.A. (perito que realizou a inspección anual da atracción), non compareceu finalmente por enfermidade. Ademais destas tres persoas, no procedemento están tamén investigados o dono do Saltamontes, G.M.M.D.S., a Comisión de Festas e o seu presidente, C.G.M.

ACCIDENTE MORTAL

O accidente ocorreu na madrugada do 3 de agosto de 2024, cando un dos brazos do Saltamontes rompeu e un mozo de 36 anos, Iván C.H., caeu e sufriu lesións que lle causaron a morte. Tras o sinistro, o xulgado abriu unha investigación, no marco da cal citou a declarar como investigados ao dono da atracción e ao presidente da comisión de festas. O primeiro deles compareceu ante a xuíza en abril de 2025 e acolleuse ao seu dereito a non declarar, mentres que o segundo proclamou a súa inocencia e reclamou o sobresemento con respecto a el.

Aos longo dos meses, a xuíza requiriu diversos informes e documentación. Así, preguntou ao Concello se adoptou algunha medida para prohibir a montaxe do Saltamontes, dado de que non tiña autorización municipal; ou se incoou expediente sancionador. Tamén requiriu ao Concello para que explicase se ordenou á Policía Local precintar a atracción, para que informase sobre a falta dun plan municipal de inspección de atraccións ou sobre os motivos polos que se prohibiu a instalación deste tipo de elementos nas festas do verán de 2025. Tres días despois do fatal accidente, o goberno municipal de Vigo confirmou a través dun comunicado que non se autorizou o uso do Saltamontes, porque faltaba documentación, e que así se notificou tanto ao propietario como á comisión de festas.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Tras coñecerse que Patricia Rodríguez e o xefe de Seguridade do Concello están investigados neste procedemento, os grupos da oposición, PP e BNG, reclamaron os seus cesamentos e a apertura da comisión de investigación. De feito, este mesmo martes, a concelleira e presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, afirmou que é “inaceptable” que a concelleira de Seguridade declarase como investigada “sen ser cesada” polo alcalde.

“É do todo inasumible que a señora Rodríguez siga sendo a día de hoxe a máxima responsable dun departamento que esta sendo cuestionado nos tribunais pola súa neglixente actuación neste tráxico suceso, e por tanto non pode permanecer no seu posto nin un minuto máis”, proclamou Luisa Sánchez. Por iso pediu novamente que sexa apartada e advertiu a Abel Caballero de que “non pode esconderse e non dar a cara ante algo tan grave”.

ÚLTIMAS

Ferida unha muller tras producirse un desprendemento de terra no paseo de Bouzas, en Vigo

Unha muller resultou ferida na mañá deste martes tras producirse un desprendemento de terra...

Así se vivirá o papel da muller na ciencia na UVigo durante todo este mes

Co obxectivo de pór en valor o papel das científicas e de fomentar as...

A Xunta asinará o convenio da ETEA a semana que vén con críticas a Caballero por “oito meses de atraso”

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, celebrou que a...

Mos decreta tres días de loito oficial polo crime machista de Sanguiñeda

O Concello de Mos decretou tres días de loito oficial polo crime da muller...