O alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu este martes en que non descarta acudir aos tribunais se a Real Federación Española de Fútbol (RFEF), presidida por Rafael Louzán, non inclúe a candidatura da cidade para ser sede do Mundial do 2030.
En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico afeou a Louzán que evite incluír a Vigo nesa lista de cidades candidatas e advertiu de que “se está facendo o ridículo do século” porque España “ten concedidas 11 sedes e só enviou 10 nomes“.
Segundo repetiu o alcalde, Vigo non aparece nesa listaxe “porque Rueda e o PP non queren que sexa sede do Mundial”. “Non quere o PP de Vigo, non quere o responsable de Deportes da Xunta, que é da Coruña, e queren que sexa A Coruña”, proclamou Abel Caballero.
“Que nos van a obrigar? A ir aos tribunais? Pois non o descarto. Non quero, pero non o descarto”, advertiu o alcalde de Vigo, que insistiu en denunciar unha “posición activa” da Xunta e do propio Louzán para que Vigo non sexa sede mundialista. “E o PP de Vigo que fai? por que non lle rifan e esíxenlle a Rueda que presione?”, cuestionou.
Finalmente, lembrou que o Concello xa está a levar a cabo reformas no estadio de Balaídos, encamiñadas a ampliar o aforamento, requisito para ser sede do Mundial. “E o PP de Vigo e o BNG calados, porque non queren que sexamos sede”, sentenciou, antes de engadir que “a cidade lles vai a pasar factura por isto e polo abandono de tantas e tantas cousas”.
