O Concello de Vigo outorgou no ano 2025 un total de 3.548 axudas de emerxencia por valor de case 1,1 millóns de euros, segundo informou o alcalde, Abel Caballero, en declaracións remitidas aos medios.
Así, concedéronse 1.363 axudas para alimentación (432.000 euros), 991 axudas para vivenda (400.000 euros), 154 axudas para aloxamentos de emerxencia en pensións e hostais (60.000 euros), 714 axudas para subministracións, fundamentalmente luz e auga (35.000 euros), 46 axudas de asistencia sanitaria (próteses, lentes, etc.) por valor de 26.000 euros, 39 axudas para mobiliario de primeira necesidade (18.000 euros) e 112 axudas de ‘bonotaxi’ (33.000 euros).
En total, explicou o rexedor, 8.870 persoas resultaron beneficiadas por estas subvencións. “E cremos que é un diñeiro moi ben gastado, porque as persoas que acoden ás axudas de emerxencia necesítano perentoriamente”, proclamou Caballero, que avanzou que o Concello seguirá dando estas axudas, que son “un complemento imprescindible para tantas familias”.
