A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ratificou este luns a prisión provisional, comunicada e sen fianza, do condenado pola violación de Travesía de Vigo extraditado desde República Dominicana, que foi acordada o pasado venres polo Xulgado de Instrución de Garda de Incidencias de Madrid (Xulgado de Instrución nº31). Todo iso despois de que a mesma Audiencia condenase en maio ao home, xunto con outro home, por violar e gravar a unha moza nun piso de Vigo, considerando a ambos os autores dun delito de agresión sexual e condenándoos a 11 e 9 anos de prisión, respectivamente.
Con todo, Miguel Ángel Wilson, de 32 anos, condenado tamén por un delito de revelación de segredos, fuxiu do país para evitar entrar en prisión. Finalmente, foi detido en setembro en República Dominicana. Agora, o tribunal, que celebrou a comparecencia por videoconferencia, destaca no auto “a gravidade e natureza dos feitos axuizados polos que foi condenado”, así como “a extensa duración das penas privativas de liberdade impostas”. Na resolución na que ratifica a prisión provisional, a Sala subliña que é “especialmente relevante” o feito de que, atopándose en situación de liberdade provisional, coas medidas cautelares impostas o 11 de novembro de 2022, as cales foron ratificadas o 19 de xaneiro de 2024, abandonase o territorio nacional.
Entre esas medidas, destacan que se lle impuxo a obrigación de comparecer ante o tribunal cada quince días, e cantas veces fose chamado, así como a de comunicar calquera cambio de domicilio, e a prohibición de saír do territorio nacional, con privación do pasaporte.
“A pesar diso, abandonou o territorio nacional, sendo detectado en maio de 2025 no aeroporto de Zúric nun voo procedente do Porto e con intención de tomar outro con destino a Punta Cana, portando un pasaporte de Republica Dominicana, non sendo retido polas autoridades suízas e continuando a súa viaxe, tendo que solicitarse o 19 de xuño de 2025 a súa extradición á Republica Dominicana”, indica a resolución. Todo iso constitúe, segundo argumenta a Audiencia Provincial na resolución, “causa suficientemente razoable para que este tribunal considere a concorrencia de elevado risco e posibilidade de que o condenado pretenda subtraerse á acción da Xustiza“.
Desta maneira, os maxistrados consideran procedente ratificar a medida cautelar de prisión provisional, comunicada e sen fianza, adoptada no auto de data 28 de novembro de 2025, ata a firmeza da sentenza, conforme se solicitou polo Ministerio Fiscal e a acusación particular, pero co límite máximo da metade da pena imposta (5 anos e 9 meses), e computándose o tempo que estivo preventivamente privado de liberdade por esta causa.
