A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo penas que suman 13 anos e medio de prisión para José Luís M.C., a quen un tribunal de xurado achou culpable do delito de asasinato e do delito de tenencia ilícita de armas, polo coñecido como crime de Coia. Así, en base ao veredicto, a Audiencia considerou probado que este vigués matou a un home ao que coñecía desde facía anos, Francisco Javier B.D., que se presentou no seu domicilio na noite do 6 de abril de 2024, armado cun machete e unha barra metálica.
A maxistrada presidenta indica na sentenza que o acusado lle abriu a porta da súa vivenda portando unha escopeta, coa que realizou dous disparos, un dos cales o efectuou a menos dun metro de distancia da vítima, impactando na súa fazula e rexión cervical esquerda, o que lle causou a morte. Tal e como concluíu o xurado, a resolución indica que o acusado actuou aceptando que podería acabar coa vida da vítima e sen que esta tivese oportunidade de defenderse. Ademais, os disparos realizounos cunha escopeta que tiña na súa casa, carecendo de licenza, e co número de serie borrado, polo que era unha arma prohibida.
No momento dos feitos, José Luís tiña as súas capacidades levemente afectadas polo consumo de cannabis e cocaína e por estar diagnosticado dun trastorno de saúde mental. Así mesmo, a Audiencia sinala que actuou “por pánico ou terror tal, ante a presenza da vítima cun coitelo e unha barra de aceiro, que limitou levemente a súa capacidade de actuar doutra maneira”. Igualmente, na sentenza indícase que, cando xa estaba detido pola Policía como posible autor dos feitos, o acusado confesou a autoría, o que contribuíu de forma eficaz á investigación.
ATENUANTES E PENAS
Deste xeito, á hora de ditar as penas, a Audiencia tivo en conta as circunstancias atenuantes de alteración psíquica, medo insuperable e confesión. Polo delito de asasinato con aleivosía condénao a 12 anos e medio de prisión, e polo de tenencia ilícita de armas imponlle un ano de cárcere. Con respecto á responsabilidade civil, establece que deberá indemnizar aos familiares do falecido (pais, irmás e fillos) en cantidades que suman máis de 386.000 euros, e pagar outros 609,01 euros a un veciño cuxo coche foi alcanzado por un dos disparos da escopeta, causando danos materiais.
Inicialmente, a Fiscalía pedía para José Luís M.C. penas que sumaban case 22 anos de cárcere, mentres que a acusación particular pedía 23 anos e medio de prisión. Tras a celebración do xuízo e co veredicto do tribunal de xurado, as acusacións tiveron que rebaixar as súas peticións, ao apreciar o tribunal popular eses tres atenuantes. Ministerio Público e acusación particular modificaron as súas conclusións e pediron penas que sumaban case 17 anos de cárcere. Finalmente, a Audiencia acordou penas que suman 13 anos e medio de prisión, nunha sentenza que non é firme, e que pode ser recorrida en apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
