InicioEconomíaAcabouse o de ofrecer vieiras por zamburiñas nos menús dos restaurantes

Acabouse o de ofrecer vieiras por zamburiñas nos menús dos restaurantes

A Consellería do Mar recorda que a denominación na carta debe coincidir coa do albarán de compra, sendo "vieira do Pacífico" a máis común.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, está a realizar unha campaña de inspección en restaurantes de toda Galicia para erradicar unha práctica fraudulenta: a venda doutras especies baixo a denominación comercial de “zamburiña”.

Segundo informou o Servizo de Inspección e Control dos Recursos (SICOR), en numerosas inspeccións detectouse que establecementos hostaleiros ofrecían no seu menú, carta ou páxinas web “zamburiñas” cando, en realidade, servían a especies distintas, principalmente “vieira do Pacífico” e nalgúns casos “volandeira”.

As tres especies –zamburiña (Mimachlamys varia), volandeira (Aequipecten opercularis) e vieira do Pacífico (Argopecten purpuratus)– son diferentes en aparencia, abundancia, calidade e prezo.

A zamburiña é un molusco capturado no mar, relativamente escaso e moi apreciado. Pola contra, a vieira do Pacífico é un produto de cría, importado conxelado de países como Perú ou Chile. Utilizar o nome “zamburiña” para vender outra especie constitúe, segundo Gardacostas, un engano ao consumidor.

A denominación comercial, obrigatoria e exacta

Dende a Consellería do Mar recordan con insistencia que a denominación que figure na carta ou menú debe coincidir exactamente coa que aparece no albarán de compra do produto. Isto significa que:

Se o albarán indica volandeira, deberá figurar como volandeira na carta.

Se indica vieira do Pacífico, deberá aparecer como vieira do Pacífico.

Só se o albarán reflite zamburiña, poderá denominarse como tal.

Dado que se estima que arredor do 90% do produto comercializado nos restaurantes corresponde a vieira do Pacífico, esta será a denominación correcta na inmensa maioría dos casos.

Ameaza de sancións

Estas prácticas non só enganan ao cliente, senón que prexudican a imaxe do marisco galego. Gardacostas cualifica estes incumprimentos como infraccións administrativas, susceptibles de sanción con 300€ de multa. A campaña de inspeccións intensificarase co obxectivo de protexer aos consumidores e á marca Galicia.

A normativa avala esta actuación. Tanto o Regulamento (UE) 1169/2011, sobre información alimentaria, como o Regulamento (UE) 1379/2013, que establece a organización común de mercados dos produtos da pesca, obrigan a facilitar ao consumidor a denominación comercial correcta da especie que está a consumir, sen inducir a erro.

Os hostaleiros teñen a responsabilidade de garantir a veracidade da información que ofrecen aos seus clientes, empezando por empregar o nome comercial axeitado para o produto que realmente lles serven.

ÚLTIMAS

O PP vigués acusa a Caballero de dar un “golpe fiscal” tras pechar 2025 con 200 millóns de remanentes

O grupo municipal do PP en Vigo denunciou o "machadazo fiscal" que levará a...

Vigo pagará as luces de Nadal o 11 de xaneiro e celebra os datos de ocupación

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este venres que o acto de apagado...

UGT denuncia unha “grave escaseza de persoal” na residencia Alvi Beade de Vigo

UGT Sanidade denunciou publicamente este martes a situación "especialmente preocupante" que atravesa a residencia...

Un ferido atrapado tras envorcar o seu turismo nun accidente na Ramallosa

Segundo informou o 112, varias persoas chamaron ao servizo para alertar de que o...