A Plataforma pola Defensa da N-120, xunto con veciños e representantes de grupos políticos da corporación municipal de Ponteareas, volveron a cortar este venres a N-120 para reclamar a urxente mellora da seguridade viaria. Segundo recollen nun comunicado, esixiron ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable unha solución “inmediata” ao “grave problema de inseguridade viaria que supón” esta estrada.
Durante preto dunha hora, decenas de persoas participaron na manifestación, reclamando unha “demanda histórica”: a execución do proxecto xa redactado e “paralizado” de mellora desta estrada estatal, “que soporta máis de 17.000 vehículos diarios e acumula unha elevada taxa de sinistralidade e atropelos”. Tras unha pancarta que rezaba ‘N-120 Solución Xa’ e a presenza dun coche fúnebre e un cadaleito, os veciños de Ponteareas saíron de novo á rúa con chalecos reflectores, lembrando ás vítimas.
“A N-120 converteuse nun dos puntos negros máis perigosos de Galicia. Unha estrada que xa se cobrou demasiadas vidas. E iso sábeo todo o mundo. É intolerable que sexan conscientes deste perigo e decidan mantelo cando existe un proxecto listo para ser executado”, criticou o Portavoz da Plataforma, Luís Campos. El anunciou que haberá máis concentracións, como o vindeiro venres, 3 de outubro, no mesmo punto e á mesma hora, a partir das 19.30 horas. “Este é só o inicio dunha serie de mobilizacións máis contundentes e faremos o que faga falta para que nos escoiten, aquí, en Pontevedra ou en Madrid”, subliñou Campos.
