A Xunta de Galicia, en coordinación coa Deputación de Pontevedra, resolveu a tramitación por exclusividade do contrato para que sexa o arquitecto César Portela quen asuma a redacción do proxecto básico e de execución, así como a dirección de obras do Teatro Cinema Fraga de Vigo, cun orzamento dun millón de euros. Nun comunicado, o Goberno galego lembrou que este arquitecto pontevedrés é o autor e propietario intelectual do proxecto orixinal e director das actuacións xa executadas no inmoble por parte de Abanca, cando era o banco propietario do edificio.
Con esta adxudicación, o obxectivo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é respectar a intervención xa levada a cabo do proxecto orixinal e seguir realizando as actuacións que sexan necesarias “para converter este edificio emblemático, de 7.000 metros cadrados, nun espazo escénico, musical, audiovisual e literario de referencia no noroeste peninsular“. A partir de agora, prevese que en abril se presente o proxecto, o que permitirá o inicio da licitación das obras no primeiro semestre do ano que vén.
