O director territorial de Abanca en Vigo, Walter Álvarez, e o presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), Javier Touza, asinaron este martes a renovación do convenio de cooperación para impulsar unha nova edición do festival ‘Vigo SeaFest’, un evento gastronómico, musical e deportivo, que este ano se celebrará do 10 ao 13 de xullo.
O acordo reforza a alianza xa existente entre ambas as entidades, e abre a porta a novas vías de colaboración para seguir impulsando este evento, que cada ano ten lugar nos xardíns de Montero Ríos e que serve para pór en valor os produtos do mar.
Con de o fin de promover o consumo de peixe, 14 cociñeiros de reocnocido prestixio ofrecerán creacións de autor elaboradas con produtos do mar, pondo o foco na súa calidade e versatilidade. Paralelamente, haberá outras actividades culinarias e educativas, ademais de actuacións musicais, talleres familiares, actividades infantís e propostas deportivas.
O convenio asinado é un paso máis na colaboración entre Abanca e Arvi, e inclúe condicións financeiras vantaxosas para os armadores asociados á Cooperativa de Armadores. Así, os profesionais poderán acceder a solucións de financiamento flexibles e adaptadas ás súas necesidades específicas, con especial atención aos investimentos destinados á mellora da eficiencia enerxética, preservación da biodiversidade ou redución do impacto climático da frota pesqueira.