InicioSociedade'Quero ser investigadora', a gran experiencia das mulleres que fan ciencia

‘Quero ser investigadora’, a gran experiencia das mulleres que fan ciencia

A UVigo reforza o seu compromiso coa divulgación coa publicación da 5ª edición do catálogo ‘Quero ser investigadora’. Incorpora conversas en estilo directo e, por primeira vez, unha versión en formato audiolibro

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Universidade de Vigo volve dar un paso adiante no seu compromiso coa divulgación científica e co fomento das vocacións STEM entre a mocidade, especialmente entre as nenas, coa publicación da quinta edición do catálogo Quero ser investigadora. Nesta nova entrega, o proxecto adáptase á evolución do seu público cun cambio de formato que busca achegar aínda máis a realidade das científicas á rapazada: entrevistas en estilo directo, un audiolibro narrado polas propias protagonistas e unha versión de lectura fácil. 

“O catálogo Quero ser investigadora renóvase para ofrecer un formato máis acorde coa evolución das cativas e cativos aos que se dirixe”, destacan Belén Rubio Armesto, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, e Mónica Valderrama Santomé, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, na entrevista que abre a publicación. “Esta nova entrega preséntase como un volume único que recolle conversas en estilo directo con investigadoras da Universidade de Vigo, co obxectivo de facilitar unha conexión máis próxima e auténtica cos lectores e lectoras”. Como parte desa vontade de achegarse ao público, a edición opta pola fotografía como fío visual do relato, a través da mirada da fotógrafa Charo Lopes (Boiro, 1988).

ASTROFÍSICA, ECONOMÍA, COMUNICACIÓN, DEREITO…

Nesta edición, dez investigadoras da UVigo comparten o seu camiño cara á ciencia desde ámbitos tan diversos como a astrofísica, a economía, a comunicación, o dereito ou a nanotecnoloxía. “Os camiños que seguen estas mulleres son múltiples e amosan que non hai unha única maneira de chegar á investigación, senón que cada traxectoria está atravesada por decisións persoais, curiosidades, obstáculos superados e paixón polo coñecemento”, subliñan dende a UCC+i.

O catálogo arranca cun prólogo en formato entrevista con Belén Rubio e Mónica Valderrama, unha conversa que serve de pórtico para as dez historias que seguen. A primeira delas ten como protagonista a Ana Ulla Miguel, catedrática en Astrofísica e investigadora do CIM, quen lembra que aos catorce anos xa tiña claro que quería dedicarse á astronomía: “Merquei o meu primeiro libro de astronomía e comecei a aprender pola miña conta, sen telescopio, a ollo e cunha lanterna vermella para non alterar a capacidade de observación nocturna”. Para Ulla, entender que a Terra é só “un pequeno planeta flotando nun vasto universo” axuda a poñer en perspectiva moitas das nosas preocupacións cotiás.

Tamén a profesora das facultades de Belas Artes e Deseño Silvia García González destaca a importancia da conexión emocional co saber. No seu caso, a historia familiar serve de marco para dar sentido ás súas propias motivacións: “o meu avó materno era carpinteiro de ribeira en Massó e gustaríame aprender carpintaría porque me conecta coa súa memoria”. 

A enxeñeira Mercedes Solla Carracelas, investigadora do grupo Geotech e do Cintecx, recoñece que o seu traballo baséase na fascinación por “ver máis aló do que é visible”, interpretando sinais ocultas na terra a través do xeorradar. Pola súa banda, Susana Rodríguez Barcia, profesora de Lingua Española e investigadora no grupo Grades e membro do iLingua, reivindica a linguaxe como ferramenta de transformación: “É o que nos define, o que nos permite entendernos e transformarnos”.

economista de Ecobas Olga Alonso Villar confesa que a súa vocación naceu do interese pola xustiza social e que, aínda que de nena dubidaba entre ser mestra ou detective, foi un profesor quen lle abriu o camiño cara ás matemáticas e, desde aí, á economía. A profesora Susana Álvarez González, decana da Facultade de Dereito, lembra que desde pequena se sentiu atraída polo funcionamento das normas e a defensa dos dereitos das persoas.

A comunicación tamén ten o seu espazo neste catálogo a través, neste caso, da voz de Emma Torres Romay, decana da Facultade de Comunicación, quen lembra como nos seus cadernos escolares xa deseñaba logotipos e marcas para unha futura empresa de moda: “inconscientemente sempre me chamou moito a atención a publicidade”. No caso da moañesa Estefanía Paredes Rosendo, especialista en Criobioloxía Mariña e investigadora do CIM, fai fincapé en que “con interese e paixón, calquera pode chegar a dedicarse á ciencia, sempre que teña ánimo e perseveranza”.

A microbioloxía chega da man de Julia Carballo Rodríguez, profesora na Facultade de Ciencias e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, que destaca a aprendizaxe derivada da pandemia: “A saúde humana non pode desligarse do medio ambiente nin dos animais. Todo está conectado”. 

Finalmente, a edición pecha con Laura Salonen, investigadora Ramón y Cajal do CINBIO especializada en nanomateriais, que ve nesta ciencia unha ferramenta clave para afrontar os retos ambientais. Para concentrarse, ten un ritual moi persoal: escoitar a banda sonora de O Señor dos Aneis.

AUDIO LIBRO E GUÍA DIDÁCTICA

Unha das novidades máis destacadas desta edición é a incorporación dun audiolibro, no que son as propias protagonistas as que dan voz ás súas historias, ampliando as posibilidades de acceso e conexión co público. Neste mesmo espírito, incorpórase unha versión de lectura fácil que adapta os contidos con linguaxe clara e frases sinxelas, eliminando barreiras cognitivas e facilitando a comprensión para persoas con dificultades lectoras, trastornos do neurodesenvolvemento ou que simplemente prefiren unha lectura máis directa.

Como en edicións anteriores, o catálogo conta cunha versión dixital e distribuirase en preto de 200 centros educativos de toda Galicia. A proposta complétase cunha guía didáctica e contidos interactivos elaborados na plataforma Genially, co obxectivo de facilitar o traballo co catálogo nas aulas.

ÚLTIMAS

Fernando Franco: O último gran cronista da vida viguesa

Vigo quedou un pouco máis gris, un pouco menos elegante. Coa partida de Fernando...

Médicos de Atención Primaria éncerranse no centro de saúde Olimpia Valencia de Vigo para esixir negociación coa Xunta

Un grupo de médicos de Atención Primaria encerrouse este luns pola tarde nas instalacións...

Sindicatos denuncian que o Sergas quere modificar sen negociación as condicións do persoal de terapias do Chuvi

A Comisión de Centro da área sanitaria de Vigo denunciou este luns que a...

Abel Caballero oponse ao proxecto de vivenda protexida da Xunta no Ofimático

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, opúxose este luns ao proxecto da Xunta de...